Skip to Content

Clubes de lectura

Xuntanza do Club de Lectura de adultos coa escritora Inma López Silva

Inma López Silva no Club de lectura de adultos

O Club de lectura de adultos "Veigas de Campaña" tivo, na tarde do venres 17 de novembro, unha nova xuntanza coa presenza da escritora Inma López Silva.

En palabras do responsable deste club de lectura, o profesor Víctor González Zúñiga: "O club de lectura de IES Plurilíngüe de Valga "Veigas de Campaña" tivo hoxe a honra de recibir a Inma López Silva coa súa obra "Escola de Mulleres"; igual non se percibe ben aí na foto, é a da pantalla. Ben, iso da o mesmo, non estaba físicamente con nós, mais estaba a súa voz, unha presencia viva e intelixente. E unha obra complexa na que vértense varias historias, mais todas teñen unha mesma substancia, a rebeldía, é dicir, a liberdade. Son historias de mulleres, mulleres libres, e todas encaixan ben porque interpélanse unhas con outras. É complexo, si, o que nos conta Inma, pero, que non o é? é a vida mesma vertebrada na historia dunha muller que racha coas convencións porque quere vivir, e vive como quere, por iso cóstalle chegar ao mar, e digo esto con toda a intención, porque así comeza o libro, "o mar comeza nun sumidoiro", porque a liberdade que o mar representa, non se regala, é unha conquista que nace da indignación e da fartura, e da dor; de feito, unha das notas que tiña lendo esa frase, levoume a unha canción de Pablo Guerrero, un cantor-poeta extremeño. A canción é coñecida, e adquiriu fama durante a transición en España dos anos setenta, nunha estrofa di "... hai que doler de la vida hasta creer que tiene que llover..., a cántaros". A liberdade, ningunha liberdade, se regala, e sí, as veces hai que "sufrila". ten que doer. Pensaredes que me estou saído do tema da xuntanza, e un pouco sí, pero o amor (e a amizade), o amor de verdade, non o amor ñoño e romanticón, o amor arrimado a amizade ten moito tamén de rebeldía política, e diso tamén fala o libro de Inma.
Non vos daredes conta pero estou facendo esforzos para intentar manterme ao marxe da historia que se conta, intentar contar de que vai, pero sen estropearvos a lectura cando a emprendades, porque pensamos que paga a pena facelo, e recoñezo que cando rematei a lectura e escoitando a Inma falar da súa obra e o debate que xurdiu na xuntanza, un chega a pensar se realmente non estamos todos un pouco tolos, porque unha das cuestións que o libro manexa con soltura, pensamos, e preguntarnos, e así o fixemos, que é o normal, que é a normalidade; home, normal, normal, mellor un gramo de tolería, "soltar a corda", que dicía o outro. Grazas a todas. Saúde"

O Club de Lectura de adultos tivo unha nova xuntanza na Biblioteca

Xuntanza do Club de Lectura de adultos na Biblioteca

O Club de lectura de adultos "Veigas de Campaña" tivo, na tarde do mércores 18 de outubro, unha nova xuntanza. En palabras do responsable deste club de lectura, o profesor Víctor González Zúñiga: "Boas. A crónica da xuntanza de hoxe, mércores 18, ben poderían ser os titulares dun telexornal calquera, a saber, a saúde mental, nos mozos especialmente, pode haber tema máis actual? O protagonista da obra que nos convocou ten problemas mentais. A familia desestruturada. Hainas, con todo o que isto arrastra, violencia soterrada e explícita, soidade, amor e odio; a maternidade, un pai alcohólico... a que vos vai soando? Imaxinade a crianza dun rapaz así que, xa desde cativo, da mostras de agresividade, Parécevos pouco? Pois aínda hai máis, enfermidades terminais... e estaredes pensando, con ese panorama, para que vou a achegarme á Biblioteca, a encabronarme? (con perdón); coa tarde de cans, choiva, vento, que facía... e porén, hai como unha maxia no ambiente e nas mulleres lectoras que fan posible o prodixio, e unha tarde que viña do xeito que vos digo, amarga, arrancounos o sorriso, e non era doado porque a obra tiña partes duras, crueis, mais aí reside a grandeza do Club de Lectura "Veigas de Campaña", que é capaz de extraer luminosidade dos temas máis escabrosos e escuros. O que se presentaba como unha historia de odio remata sendo unha narración chea de tenrura e amor, unha obra de reconciliación, de perdón, unha obra emotiva, por iso gozouse tanto da xuntanza.
Si, ben sei que non dixen aínda que libro era, xa non teñades présa. Se o digo ao principio igual algún ten a tentación de non seguir lendo a crónica... pois ben pensado, igual era o mellor. Agora xa dá o mesmo, e case estou por dicir que a obra é o de menos, porque o fermoso é a xuntanza en sí coa boa literatura como excusa, como foi o caso. Estou falando da obra da autora moldava Tatiana Tibuleac, "El verano que mi madre tuvo los ojos verdes". A seguinte vai ser "Escola de Mulleres", de Inma López Silva. A mediados-finais de novembro, por se alguén se anima. Saúde para tod@s"

Clausura do Club de Lectura de adultos do IES Plurilingüe de Valga 2022-2023

Clausura do Club de lectura de adultos curso 22/23

O Club de lectura de adultos do noso centro, "Veigas de Campaña", clausurou as actividades do curso 2022-2023 na tarde do martes 27 de xuño, cunha sesión arredor do libro de Óscar Reboiras Loureiro : "A agonía das folerpas". En palabras do profesor Víctor González, responsable do club de lectura: "O 27 de xuño as compañeiras do club de lectura "Veigas de Campaña" tivemos a derradeira xuntanza do curso. Convócanos o pracer da lectura, da fala, do encontro, en fin da amizade, si, das amigas, aquelas ás que contas cousas que a outros ou outras lles negas, ocultas, non por nada, senón porque non é o momento, non se crea o momento e acontece que nas tertulias que imos artellando no club de lectura, créase ese momento, de xeito inesperado, espontáneo, e iso é o que fai fermosa a xuntanza, amigas que falan, quero dicir que se nos convoca o libro, neste caso foi "A agonía das folerpas" de Óscar Reboiras Loureiro, o faladoiro, se ben a tertulia empeza xirando arredor do libro, sobre aquilo que o libro nos suxire, a partir de aí xa calquera cousa é posible. É a maxia da palabra que nos léva sen querer dun tema a outro, como fíos dunha trama que imos urdindo, un tecido multicolor; lembro, por exemplo, diálogos filosóficos sobre a tema da morte -coa excusa dun libro de ciencia ficción (non lembro agora o título) dun autor xaponés- que non desmerecen dos que Sócrates mantiña na ágora cos sofistas gregos, e un libro que parecera mediocre, de pronto faise sublime, e así acabamos falando sobre a beleza da poesía, e a dificultade que entraña descifrala, que foi un dos temas que abordamos onte, e non porque a obra de Óscar Reboiras o pedira, senón porque xurdiu; esa é a maxia. Que non decaiga. En fin, bo verán a todas e todas, Un pracer. Saúde."

O Club de lectura "Piratas do Ulla" finaliza as actividades deste curso 22/23

Alumnado Club de lectura "Piratas do Ulla" curso 2022/23

O alumnado do Club de lectura "Piratas do Ulla" deste curso académico finaliza as súas xuntanzas. En palabras do coordinador deste club de lectura, o profesor Víctor González: "Esas rapazas e rapaces que posan aí diante vosa son xente perigosa, ollo con eles; semellan xente inocente pero non vos fiedes. Coñecen as artimañas dos delincuentes, que moitos deles tiveron tratos con Sherlock Holmes nada menos, e viaxaron a illa de Bowen, con César Mallorquí, o que significa que a imaxinación a teñen fértil, e unha imaxinación así, fecunda e luminosa, con tanta liberdade, semella poderosa, e pode mudar a orde do mundo, vencer as leis da gravidade e cousas así, a "imaxinación ao poder", que diría o outro. Si, que dúbida cabe, convén ter coidado cos retratados no IES Plurilíngüe de Valga, que poden reverter a orde das cousas, son xente libre, son lectores, do Club de lectura "Piratas do Ulla" e ata tiveron tratos cun tal Roald Dahl, sóavos?, e non se andaron con delicadezas no trato, non o adozaron, como queren facer algúns... mellor deixalo correr e non entrar en polémicas; e con todo o "perigosos" que poidan parecer, a relación con eles e con elas é excelente. Saúde e grazas"

O Club de lectura de adultos tivo unha xuntanza o xoves 25 de maio

 

Club de lectura de adultos na sesión do 25 de maio

Na tarde do xoves 25 de maio, tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de adultos do noso centro, para conversar sobre o libro "No y yo", da escritora francesa Delphine de Vigan. En palabras do coordinador do club de lectura, o profesor Víctor González: "Xa estamos de volta, as do club de lectura. Hoxe acompañounos Delphine de Vigan, escritora francesa, e a súa obra "No y yo". "No" representa a unha rapaza indixente; no é, pois, algo máis cun nome, é un símbolo que recolle o que "non é", o que convén ocultar, agachar, a indixencia, a pobreza, que non -"NO"- se vexa, é aquelo que metemos debaixo dunha alfombra ou, aínda peor, abandonamos no medio do mar. É unha novela dura en certos aspectos, e tamén tenra, fala da amizade, da soidade, en fin, de nós. É unha obra cercana e viva, que se deixa ler, que te leva por diante porque te podes poñer facilmente no lugar da protagonista, unha rapaza superdotada que percibe o mundo cunha madurez que para si querrían moitos adultos, un "bicho raro", fráxil, única, ben, un pouco como todos, que todos somos un pouco "bicho raros". Saúde".

Distribuir contido


by Dr. Radut