Skip to Content

Clubes de lectura

Xuntanza do Club de Lectura de adultos coa presenza do escritor Diego Giráldez

Xuntanza do Club de Lectura de adultos co escritor Diego Giráldez

O Club de lectura de adultos da nosa Biblioteca tivo, na tarde do mércores 19 de abril, unha nova sesión que contou coa presenza do escritor Diego Giráldez. A xuntanza xirou arredor do libro deste autor porriñes, "O meu sangue". En palabras do coordinador deste Club de lectura, o profesor Víctor González: "O mércores 19 de abril houbo xuntanza do Club de lectura Veigas de Campaña, acompañounos vrtualmente Diego Xiraldez, un dos mellores escritores en lingua galega que temos hoxe en día, O veredes aí na foto, na esquina dereita. Presentou a súa obra "O meu sangue", unha novela romántica, aínda que non o pareza, quizais sería mellor dicir que é unha obra inclasificable, inclasificable porque se ben é unha novela de amor, tamén é de misterio, e ata de antropoloxía polas reflexións que se atopan nela sobre a aldea galega e sobre... en fin, inclasificable. É unha ledicia, e a charla con el outra. Desfrutamos moito, da letura do libro, no seu momento, e a tarde de mércores da boa compaña das mulleres do club de lectura e de Diego Giráldez. Na Biblioteca, foi. Outra ledicia. Saúde"

Club de Lectura de adultos: mércores 19 de abril, encontro co escritor Diego Giráldez, autor de "O meu sangue"

                                 Diego Giráldez, 19 abril 2023

O Clube de Lectura de adultos celebra unha nova sesión o mércores 19 de abril na Biblioteca do noso centro, será ás 16:30 horas coa presenza do escritor Diego Giráldez e para conversar sobre a súa obra "O meu sangue".

En palabras do responsable do Clube de lectura, o profesor Víctor González: "Paren as máquinas que mañá mércores 19 de abril, na Biblioteca do IES Purilíngüe de Valga, temos xuntanza do Club de lectura "VEIGAS DE CAMPAÑA", encontro con maiúsculas, como di o epígrafe da crónica. Visítanos Diego Giráldez para falar da súa obra "O meu sangue". Vai a ser virtual, mais non lle resta un ápice de gloria á xuntanza a virtualidade, estará con nos a súa verba, o seu espírito, que é o importante; o corpo é materia, e a materia corrómpese, o espírito non, o espírito perdura, viaxa dun xeito ao outro aínda que o corpo, a materia, a deixe atrás. Nós queremos unha presenza espiritual, chea de coñecemento, de boa literatura, de beleza, que a hai, para que queremos a materia se temos a alma? A xuntanza vai ser as catro e media, e non hai mellor territorio para albergala que o Mundo das Ideas, é dicir, a biblioteca de IES Plurilíngüe, porque outra cousa non haberá, pero Ideas, con maiúscula tamén, e coñecementos, beleza, en definitiva, ocupando as estanterias da biblioteca, dabondo. Vémonos."

O Club de lectura de adultos tivo unha xuntanza o xoves 9 de marzo

Xuntanza do Club Lectura de Adultos

Na tarde do xoves 9 de marzo, tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de adultos do noso centro, para conversar sobre o libro "Azucre", da escritora e xornalista galega, Bibiana Candía. En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González: "Estamos ante unha nova sesión do Club de Lectura "Veigas de Campaña". A charla xirou en torno a "Azucre", de Bibiana Candía, unha obra breve, non moi extensa en número de páxinas, pero inmensa en calidade. Moi ben escrita, unha obra dura de contidos pero escrita cunha delicadeza que endulza, e nunca mellor dito, a lectura, non en vano a prosa da narración foi vertida por mans poéticas, as de Bibiana Candía. Parabéns!
Galegos escravos na Cuba de mediados do século XIX, colonia española entón, ... século XIX? Unha lectura atenta demostrou, e así quedou de manifesto na charla que tivemos, que os galegos escravos entón son os inmigrantes de hoxe, tratados en réxime de escravitude ou semiescravitude, da igual, en calquera caso, en condicións infames nos mares de plástico de Almeria e noutros lares. Non hai dereito. Non hai progreso, nin progreso nin retroceso, mais ben voltas e revoltas sobre o mesmo, un eterno retorno tráxico do que xa nos falou o filósofo Nietzsche. Así non hai remedio; se cremos co filósofo que todo volve, que a historia non é lineal, senón circular, por que non a enchemos de vida e solidariedade para que sexa a vida e a solidariedade a que retorne e non mortos, morto e mais mortos?, .... ben, si, hai unha diferencia, os galegos viaxaron a Cuba en condicións infames, certo, pero foron en barco, os inmigrantes veñen en pateras e caiucos... se chegan. Ao final, retroceso, logo.
En fin, sobre a mesa veredes libros, papeis, doces, amor pola lectura, afán por saber e alegría polo encontro; pouco máis se pode pedir. Saúde para tod@s".

Nova sesión do Club de lectura de adultos, foi o mércores 1 de febreiro

Malas Mulleres, Marilar Aleixandre Na tarde do mércores 1 de febreiro, tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de adultos do noso centro, para conversar sobre o libro "Malas Mulleres", da escritora galega, premio nacional de narrativa, Marilar Aleixandre. En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González:
"O 1 de febreiro foi día de xuntanza do Club de Lectura "Veigas de Campaña". Convocounos "Malas Mulleres", de Marilar Aleixandre, recente premio nacional de narrativa. Invitada foi a autora, mais non puido asistir, tampouco fixemos foto, tanto absorbeunos a conversa que se nos pasou. Seguramente estaredes pensando, "xa vai o de sempre a verter marabillas do acontecido na tertulia, como se descubriran o ouro de Moctezuma ou a pedra filosofal"; home, a tanto non chegamos, somos máis modestas, pero a quen lle interesa o ouro habendo risas e sorrisos.
A charla de hoxe xirou en torno á educación, á importancia da educación, de como houbo, e hai, non aquí, posiblemente, pero si noutras partes do mundo, xentes, mulleres, sobre todo, que non teñen acceso a ela, que viven na ignorancia, non porque queiran, senón porque non poden; visitounos Concepción Arenal, unha das protagonistas do relato, e Juana de Vega, condesa, xente importante como vedes, e Lorena, e Gelucha, e Rosa, e Maria José, e Mar, e un servidor.
Os tempos están cambiando, como di a canción, e dun século para acá mira ti se non teñen mudado, para ben, polo menos por estes lares, pero os cambios foron empurrados por xentes como Concepción Arenal, por exemplo,... ben sei que non descubrimos a pólvora, pero facemos o que podemos. Pasámolo ben, que, dalgún xeito é tamén unha forma de cambiar o mundo, para ben.... déixovos, que xa parece que escoito de novo queixas con estas hipérboles que poño. En fin, é unha vez ao mes. Cabemos máis. A próxima lectura, "Azucre", de Bibiana Candia. Saúde.”

Nova sesión do Club de Lectura de Adultos

Xuntanza do Club Lectura de Adultos

O pasado xoves 12 de xaneiro tivo lugar unha nova sesión do Club de Lectura de Adultos. En palabras do responsable deste club, o profesor Víctor González: "Aconteceu o pasado 12 de xaneiro, ao abeiro do Club de Lectura do IES Plurilíngüe de Valga "Veigas de Campaña". A obra que nos convocou titúlase "A anomalía" de Hervé Le Tellier; unha obra interesante, lúcida, que invitou á reflexión e a pasar unha boa tarde, chea de luz - aínda que no patio chovera- alegría -mirade, se non a foto - e coñecementos.
'Quen somos?' Non é unha pregunta baleira, retórica, arrastra reflexións no seu lombo. Soltade esa pregunta en calquera foro, tertulia ou xunta que por aí circulan é posiblemente provoque risas, como que fose ridícula, a quen se lle ocorre? pensarán moitos deses tertulianos..., que clase de pregunta é esa? coa de temas que preocupan hoxe no mundo. Unha cousa non quita á outra. Soltade, porén, esa mesma pregunta no faladoiro das mulleres filósofas do club de lectura que convoca este texto, 'Quen somos?', e de seguido xurden respostas, animadas pola lectura do libro, pero orixinais e filosóficas, e mais preguntas. Resumo o alí falado: Hai un creador, mellor, unha intelixencia artificial, nós, os seres humanos, o universo enteiro, somos creación súa, noutras palabras, somos creación virtual, programa informático; hai un clon noso por aí, un dobre? Ciencia ficción ?... -hoxe en día está xa asumida que é posible clonar seres humanos - A intelixencia artificial creou dobres nosos, quen sabe, quizais un erro informático, unha mutación indebida, o azar. Seres humanos clonados, para que? con que finalidade? Traballar como escravos? E logo, que pasaría cos postos de traballo que ocuparían? Que farían os humáns ociosos? Como sería un mundo así? Preguntas, preguntas e preguntas. Filosofía en estado puro.
Que a lectura de " A anomalía" vos sexa leve e fructífera, como a nós o pasado xoves. Saúde e feliz ano"

Distribuir contido


by Dr. Radut