Arte nos muros do IES Auga da Laxe

Este martes 11 de decembro celebrouse no instituto o acto de presentación do proxecto DepoRuarte, promovido pola Deputación de Pontevedra, que permitiu iniciar nestas últimas semanas unha intervención artística nos muros exteriores do recinto. No proxecto participou a artista Noemí Núñez, así como o noso alumnado da materia de Debuxo artístico de 1º e 2º de Bacharelato e de Educación Plástica de 4ºESO, baixo a coordinación da súa profesora, Dorinda Garrido. A proposta, que foi concibida como unha homenaxe ao Guernica de Picasso, dálle continuidade a un traballo previo que comezou hai dous anos nas aulas de Debuxo Artístico co obxectivo de integrar un mosaico realizado hai máis de dez anos nunha intervención máis ampla que incorporase diferentes figuras do Guernica xunto con outros referentes do noso centro educativo, como a espada do petróglifo da Auga da Laxe que lle dá nome. A proposta, que se iniciou en novembro dentro do programa DepoRuarte e que incluía tamén sesións de formación para reflexionar sobre a importancia de que a arte estea presente nos espazos urbanos, será continuada polo noso alumnado ao longo do curso.
 
No acto celebrado esta mañá, participaron a directora do instituto, Mar Platero, que contextualizou o proxecto e agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra para levalo adiante; a profesora de Educación Plástica, Dorinda Garrido, quen explicou os diferentes elementos que forman parte da intervención proxectada; en nome do alumnado participante, Marina Prieto, quen explicou como se desenvolvera o proceso de planificación realizado previamente nas aulas; a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, que presentou os obxectivos do proxecto DepoRuarte, para o que foron seleccionados dez institutos de toda a provincia de Pontevedra; e, finalmente, Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar.
 
No traballo previo de preparación nas aulas, levouse a cabo un estudo de debuxo das figuras do Guernica e utilizouse tamén a curtametraxe "Minotauromaquia. Pablo en el laberinto", con guión de Juan Pablo Etcheverry. Como resultado dese interesante e divertido traballo en equipo, naceu a proposta que agora se plasma nos muros das rampas de acceso ao instituto e que inclúe diferentes figuras do cadro: a muller co fillo morto, en técnica de mosaico, como icona da dor ante a violencia da guerra e a morte do fillo; a figura do touro, símbolo masculino, que no noso mural porta o facho dunha luz feminista de cor violeta que ocupa a parte central da escena, coma no Guernica; o guerreiro morto que porta na man un puñal, representado no noso mural pola espada do petróglifo da Auga da Laxe,de 2,40m de alto; a figura da muller que levanta os brazos ao ceo, atrapada polas lapas dunha casa ardendo, que recolle influencias do personaxe central do cadro "Los fusilamientos de La Moncloa" de Goya; as tres ventás brancas que simbolizan a existencia dunha saída, dunha vía de escape representada polas pombas da paz; e, por último, o ollo coa lámpada, que ocupa a parte superior do cadro e que simboliza a existencia dun ser superior, a esperanza da fin das guerras. Intégrase tamén na intervención o rótulo co nome do instituto que se pintou nas escaleiras de acceso o curso pasado.