Intercambio con Alemaña

Esta semana están en Gondomar 25 alumnos e alumnas do instituto Otto-Hahn-Gymnasium de Nagold (Alemaña), participando nun intercambio con alumnado de 1ºBach do IES Auga da Laxe. Chegaron o venres 19 e, logo de pasar a fin de semana coas familias do noso alumnado, esta semana están a participar nun programa de actividades no que se inclúen, ademais da asistencia a algunhas clases cos seus compañeiros de intercambio, outras propostas como unha sesión de iniciación ao surf, unha xincana por Gondomar, unha excursión ás illas Cíes, unha visita a Santiago e unha recepción de despedida no Concello de Gondomar. O noso alumnado viaxará a Nagold a finais de curso para participar na segunda parte deste intercambio, que vai xa pola súa 10ª edición.