O Teatro Ensalle trae o proxecto LPQNC ao IES Auga da Laxe

Un grupo de alumnas e alumnos do noso instituto está a participar ao longo desta semana no proxecto performativo Las Palabras Que Nos Construyen (LPQNC), desenvolvido da man de Horman Poster coa colaboración do Teatro Ensalle de Vigo. A actividade, na que se combinan acción, danza, teatro, música, palabra e vídeo, pecharase con dúas sesións de presentación ao público na sala do Teatro Ensalle o venres 19 e o sábado 20 de outubro á que o alumnado e profesorado do centro poderá asistir por 4€, prezo especial.
 Este proxecto, que se iniciou no ano 2017 con rapaces e rapazas de varios institutos de Bilbao, xira arredor da identidade como proceso aberto de construción individual e social e ten como obxectivos sensibilizar a xente nova coas linguaxes das artes escénicas como ámbito para a experimentación, o (auto)coñecemento e a crítica da realidade e reflexionar sobre os valores, estereotipos e modelos que nos identifican para crear unha imaxe de identidade colectiva a través dun proceso de creación colaborativa entre rapaces e rapazas e artista. Ademais, coa presentación pública final, preténdese conectar a xente nova co resto da comunidade e mediar entre artistas, contextos educativos e espazos culturais.