O IES Auga da Laxe solicita o Bacharelato Xeral e o de Artes para o Val Miñor

O Consello Escolar do IES Auga da Laxe dirixiuse á Consellería de Educación para solicitar a implantación no Val Miñor do Bacharelato de Artes e da nova modalidade de Bacharelato Xeral, que comeza a impartirse no próximo curso 2022-23 e que, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Educación, non se vai ofrecer en ningún instituto do Val Miñor.


Desde o Consello Escolar do IES Auga da Laxe valórase moi negativamente o feito de que a Consellería de Educación non incluíse ningún centro educativo do Val Miñor na selección de centros que van ofertar a citada modalidade para o próximo curso, unha decisión que supón unha limitación importante para que o alumnado da comarca poida acceder a estes estudos, xa que se vería obrigado a facer desprazamentos que dificultan moito esta escolla.

 

Esta decisión de non ofertar o Bacharelato Xeral o próximo curso en ningún centro educativo da comarca limita aínda máis o dereito do alumnado da zona a acceder ás diferentes vías do Bacharelato, sobre todo se temos en conta que tampouco se ofrece en ningún centro da comarca a modalidade do Bacharelato de Artes, o que supón unha discriminación para o alumnado e as súas familias.

 

Por este motivo, o Consello Escolar do IES Auga da Laxe acordou por unanimidade na súa última reunión dirixirse á Consellería de Educación para que reconsidere a súa decisión e estude incluír a oferta do Bacharelato Xeral e do Bacharelato de Artes nos centros educativos do Val Miñor, unha comarca que, polas súas caraterísticas xeográficas e polo seu volume de poboación, debería contar con todas as modalidades de Bacharelato, sen obrigar o alumnado a desprazarse fóra da zona.