Sesión mensual do Club da Igualdade

O vindeiro luns 25 de abril terá lugar a sesión mensual do Club da Igualdade. Nesta ocasión contaremos ca presencia de Amelia Tiganus.

Amelia Tiganus é activista feminista, escritora, formadora en cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da prostitución e a violencia sexual. Impartiu xa máis de catrocentas conferencias por todo o Estado español, outros Estados europeos e América Latina. Recibiu varios premios pola súa labor de defensa dos dereitos das mulleres e as nenas, entre o que se atopa o recibido no 2019 polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España. É fundadora de Emargi, e cofundadora e militante do Movemento Abolicionista do país Vasco, tamén cofundadora e coordinadora da Escuela Abolicionista Internacional. Tiganus é autora de varios textos académicos e artigos en diversas revistas. Publicou no 2021 unha novela gráfica sobre a súa vida, Amelia, e o libro La Revuelta de las Putas. Estas dúas obras témolas na bibloteca do centro.

Amelia Tiganus virá dende Euskadi, onde reside, para dar diversas charlas en centros de ensino e asociacións culturais da Guarda e Gondomar.
Desta volta tanto o horario como o formato e público asistente da sesión serán diferentes, xa que así o exise a natureza do evento. A relatora non pode chegar a tempo para o horario habitual do Club, e ademais precisa máis tempo para a súa conferencia. Por outro lado, dende o equipo Iguala-T consideramos que a temática tratada é especialmente axeitada para bacharelato. Por iso esta sesión celebrarase durante as dúas horas lectivas da tarde para todos os primeiros de bacharelato. Dende o equipo decidimos tamén darlle a oportunidade de asistir, previa autorización das familias, a aquel alumnado dos outros niveis que teña asistido ás anteriores sesións do Club da Igualdade ao longo destes meses. Pregámosvos que o teñades en conta para non poñerlles falta de asistencia esa tarde. A lista dese alumnado estará na sala de profesores en canto entreguen as autorizacións.

A charla vai suceder no salón de actos do centro. Aínda que xa non é obrigatorio o uso das máscaras avisaremos ao alumnado de que para esta ocasión terán que utilizala, xa que ocuparemos a totalidade do aforo do recinto, e ao non establecerse distancia mínima entre persoas, consideramos que temos que tomar esa medida de precaución.

O cartel para anunciar a sesión foi deseñado por Óscar da Costa Piñeiro, de 1º A bacharelato, ao que agradecemos moito a súa labor.