Nova sesión do Club da Igualdade

vindeiro luns 21 de febreiro terá lugar unha nova sesión do Club da Igualdade. Desta volta vannos acompañar Priscila Retamozo Ramos, coordinadora do Comando Igualdade, e Blanca Fernández Ochoa, ex alumna do IES Alexandre Bóveda.

Comando Igualdade xurdiu hai xa once anos no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Daquela Priscila era alumna do centro e de Chis Oliveira, catedrática de Filosofía e creadora desta iniciativa. Agora Priscila tomou o relevo do comando para continúar a súa andaina.

Priscila é politóloga e ten un mestrado en igualdade de xénero. Está especializada en coeducación, violencia contra as mulleres e políticas públicas con perspectiva de xénero. Traballou como asistente técnica na ONU Mulleres Ecuador en prol da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres. Actualmente combina a coordinación do Comando Igualdade co labor de relatora e formadora para a sensibilización e prevención da violencia de xénero, o fomento do bo trato e a coeducación.

Comando Igualdade é un grupo de alumnas e alumnos formados en igualdade, e que levan a cabo acción directa a través das súas actividades e intervencións nos propios centros, durante o horario lectivo. O obxectivo do Comando é concienciar, informar, transmitir valores e ferramentas para que a mocidade do século XXI poda enfrontar un novo horizonte de conviviencia en igualdade. Para iso abordan temas como a diversidade afectivo sexual, os modelos de masculinidade e feminidade, a violencia de xénero, a identidade... Serven de referente e apoio para o alumnado acollendo a calquera persoa que o precise, e tamén imparten charlas a través das titorías ou obradoiros específicos.

O ano pasado Chis Oliveira e Priscila Retamozo publicaron un libro ca historia do Comando, no que podemos atopar o relato da súa evolución así como ligazóns mediante códigos QR aos seus eventos e intervencións. Deixovos a ligazón da referencia do libro aquí mesmo. Aí poderedes atopar informacion sobre as súas autoras.

https://catroventos.gal/product/comando-igualdade/

A partires de hoxe veredes polos corredores o cartel que anuncia a sesión do Club, que foi elaborado a man por Andrea Expósito Álvarez, de 3º A ESO.