Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Ademais dotras celebracións nas materias de ciencias, as profesoras Josefa Rodríguez (Bioloxía e Xeoloxía) e Olalla Varela (Física e Química) estiveron traballando co seu alumnado de 2º de ESO e 1º de bacharelato na preparación duns paneis sobre mulleres científicas e inventoras.

Hoxe, 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a profesora Josefa Rodríguez organizou a visita da catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González. A charla recibiu o mesmo nome que o último libro escrito pola profesora González, InmunoPower, e tratou dos segredos da nosa inmunidade, de como o sistema inmunitario actúa de vixía detectando axentes patóxenos e células tumorais, do seu papel nos transplantes, dos avances nas técnicas terapéuticas inmunolóxicas e, coma non, do último sobre a covid-19.