Exposición Eu son UVigo!

Durante as próximas semanas o alumnado do noso instituto poderá desfrutar da exposición Eu son UVigo!,  unha mostra itinerante que ten como propósito amosarlle á sociedade perfís de persoas que estudaron na Universidade de Vigo ou que actualmente investigan nesta institución e que teñen recoñecido éxito en ámbitos de interese para o alumnado de Secundaria e de Bacharelato. A fin última da exposición é visibilizar os estudos superiores como unha vía para facer realidade os soños profesionais.
Dúas das persoas representadas son a bióloga Alba Aguión e a enxeñeira Bibiana Rodiño (BetaImplants) que visitaron o centro en varias ocasións para falarnos dos seus traballos e tamén para celebrar o Día Internacional da Muller na Ciencia.

No mes de marzo contaremos coa presenza dun dos protagonistas da mostra, Pablo Romero Fresco, investigador Ramón y Cajal na Universidade de Vigo e Honorary Professor na University of Roehampton (London, UK) que fará un relatorio sobre novos perfís profesionais. Sen dúbida Pablo, como especialista en accesibilidade na industria audiovisual, ten moito que compartir co alumnado preuniversitario.