Intercambio co Viby Gymnasium, Århus, Dinamarca

Desde o domingo 3 de novembro e ata o venres 8, recibiremos un grupo de 11 alumnas e alumnos daneses que van participar nun intercambio co noso alumnado de 2ºbacharelato e organizado polo departamento de Inglés. Estes rapaces e rapazas, que teñen entre 16 e 19 anos, estudan no Viby Gymnasium, un centro educativo situado en Viby, unha zona da cidade de Århus, a segunda máis importante de Dinamarca. Este intercambio, que se realiza desde o curso 2012-2013, terá logo unha segunda parte cando o noso alumnado viaxe a Dinamarca no mes de marzo de 2020.

Durante esta semana os rapaces e rapazas daneses convivirán coas familias do noso alumnado, farán diferentes excursións e van participar en distintas actividades que se desenvolverán no noso instituto. O programa de actividades péchase cunha cea de despedida que terá lugar o xoves,7 de novembro.