Skip to Content

Boas festas!

          Postal gañadora do Concurso de Nadal. Autora: Victoria G.P. (1º ESO A)

O IES Praia Barraña desexa a toda a súa comunidade educativa (alumnado, familias, profesorado e persoal non docente) e a todos e todas os que colaboran con nós ano tras ano, unhas boas festas e un mellor ano novo 2023. Vémonos nas aulas o 9 de xaneiro. Feliz descanso a todos e todas.

Erasmus Plus KA101: Aprendizaxe europea de calidade

 

Dentro do programa de formación continua Erasmusplus KA101 e como parte do proxecto do IES Praia Barraña, "Aprendizaxe Europea de Calidade", as profesoras Pury Vez e Ana Urbieta asistiron ao curso, "Create the Future Leaders and Innovators in the Classroom", que tivo lugar en Limassol (Chipre) entre o 29 de agosto e o 2 de setembro. A formación estivo a cargo da prestixiosa profesora Jacqui Ashton Smith. Este curso permitiulles afianzar o coñecemento que xa tiñan sobre o tema e enriquecelo con información completamente novidosa.

Parabéns ás nosas compañeiras por decidir adicar o seu tempo a continuar formándose para mellorar día a día na súa labor docente.

Palavra Perduda nº 23. Curso 2021/2022

Velaí vai a nosa revista Palabra Perduda do curso 2021/2022. Moitas grazas a todos e todas os que colaboraron e a Fran Blanco, o noso profesor de Eduación Plástica, que a elaborou. Bo verán!

Fin de curso

 

Acabou o curso e aquí vos deixamos un pequeno resumo das actividades complementarias e extraescolares que fixemos. Seguramente non están todas e faltan cousiñas, pero sirva este vídeo como agradecemento a todo o profesorado que organizou, acompañou, dinamizou e colaborou; aos alumnas e alumnas que se animaron a participar nos concursos e conmemoracións, e ás entidades que colaboraron con nós de forma desinteresada: Asociación Amicos, Centro de Día de Boiro, CEIP Praia Xardín, Cruz Vermella, Mans Unidas, Amnistía Internacional... e tantos outros. Contamos con todos e todas vós para o próximo curso. Bo verán!

 

 

Proxecto EpDLab.

EpDLab é un proxecto educativo coordinado por Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) no que o IES Praia Barraña participou por primeira vez neste curso 2021/22. Os afortunados participantes foron os alumnos e alumnas de 1º ESO A, que xunto coa súa profesora de ITI (Investigación e Tratamento da Información), Pilar Barros, participaron en 6 obradoiros presenciais na aula de 100 minutos cada un en un encontro intercentros, o Hackaton EpDLab, en Silleda, onde puideron coñecer ao alumnado e profesorado dos outros centros participantes no proxecto: o IES de Brión, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, o IES Illa de Ons de Bueu e o IES Pintor Colmeiro de Silleda. Ademais, durante o proxecto o alumnado interactúa con xente nova da República Dominicana mediante videocartas.

O obxectivo principal desta actividade é a formación no uso das TIC como medio de comunicación para a sensibilización social e a formación en valores. O proxecto traballa na produción de contidos transmedia e novas narrativas arredor de temáticas sociais. 

O traballo desenvólvese a través de obradoiros de formación nos que se traballa a capacitación técnica no uso das ferramentas de creación e publicación de contidos na web, a educación en valores para unha comunicación responsable, inclusiva e que acompañe os procesos de transformación social, a análise das mensaxes que se difunden na web e nos medios de comunicación, dende unha perspectiva crítica e construtiva cara á cooperación e a xustiza social. Trabállanse cuestións como as migracións, o sexismo e a desigualdade de xénero, o consumo responsable, o racismo e a xenofobia, a cooperación e o voluntariado… Todos os contidos creados ao longo do curso polas alumnas e alumnos dos cinco centros poden verse na páxina web: www.epdlab.gal e na conta de Instagram do proxecto en cada centro; no noso caso, @barranaepdlab. En cada sesión o alumnado utiliza ferramentas distintas: xeradores de memes e gifs, dobraxe de vídeos, videocreación, cartelería…; contidos que os capacitan para manexarse coas novas tecnoloxías dun xeito crítico e responsable.

O proxecto incluíu tamén unha sesión de formación para o profesorado en novas narrativas dixitais, que se desenvolveu no mes de xuño.

Agardamos seguir aprendendo con Agareso no próximo curso da man deste proxecto e doutras actividades que de seguro artellaremos xuntos. 

 

Fin de curso 21-22

Entrega de notas

  • 2º bacharelato - Avaliación extraordinaria - Xoves 23 de xuño ás 15:00 por Abalar (*).
  • 1º bacharelato - Avaliación extraordinaria - Luns 27 de xuño ás 10:00 en papel na aula de referencia (**). Non hai transporte escolar ao non ser día lectivo.
  • ESO - Avaliación final (todo o alumnado) - Luns 27 de xuño ás 10:00 en papel na aula de referencia (**). Non hai transporte escolar ao non ser día lectivo.

 

Prazos de reclamación

  • 2º bacharelato: luns 27 e martes 28 de xuño de 9 a 14 h.
  • 1º bacharelato e ESO: martes 28 e mércores 29 de xuño de 9 a 14 h.

 

Prazos de matrícula

  • ESO: martes 28 e mércores 29 de xuño de 9 a 14 h.
  • Bacharelato: xoves 30 e venres 1 de xuño de 9 a 14 h.

 

Impresos matrícula

Estes son os impresos de matrícula que se van entregar en papel coas notas. Son pdf autoeditables polo que se poden cubrir e imprimir despois.

 


 

(*) O luns 27 de xuño ás 10:00, todo o alumnado de 2º de bacharelato que titule terá unha reunión no salón de actos para recibir toda a información sobre os trámites para a obtención do título de bacharelato e matrícula en ciclos e/ou probas ABAU.

(**) As notas da avaliación final da ESO son as únicas oficiais e non teñen por que coincidir coas da 3ª avaliación. O alumnado de 1º de bacharelato e da ESO recibirá xunto coas notas a información e documentación para formalizar a matrícula no vindeiro curso. As notas tamén se publicarán por Abalar a mañá do luns 27 de xuño.

Reclamacións

A ORDE do 2 de marzo de 2021 (DOG Num. 48 do Xoves, 11 de marzo de 2021) establece o marco lexislativo para as reclamacións sobre as cualificacións finais e as decisións sobre a promoción e obtención do título tanto na educación secundaria obrigatoria como no bacharelato.

Os principais aspectos a ter en conta son:

  • O primeiro paso é solicitar cantas aclaracións se consideren precisas ao profesorado da materia e/ou a persoa titora.

 

  • A reclamación formal só poderá ser sobre a cualificación final dunha materia (unha reclamación distinta para cada materia no caso de ser máis dunha); sobre a decisión de promoción (1º, 2º e 3º ESO e 1º de bacharelato) ou de obtención do título (4º ESO e 2º de bacharelato).

 

  • A reclamación só pode facer referencia á adecuación dos contidos e criterios de avaliación, a adecuación dos procedementos e instrumentos de avaliación e á correcta aplicación dos criterios de cualificación recollidos na correspondente programación didáctica do departamento que imparte a materia. Poderá achegarse calquera consideración que se queira que se teña en conta.

 

  • O prazo para a reclamación formal é de dous días hábiles a partir da publicación das notas dentro do horario de atención do centro de 9:00 a 14:00 e farase ante a Xefatura de Estudos co modelo que se adxunta.

 

  • Unha vez notificada a decisión do departamento, en caso de persistir o desacordo, poderase facer a reclamación ante a Xefatura Territorial nun prazo de dous días hábiles.

 

En 2º de bacharelato, os prazos para a reclamación veñen fixados:

  • Convocatoria ordinaria: 19 e 20 de maio de 2022.
  • Convocatoria extraordinaria: 27 e 28 de xuño de 2022.

 

Calquera dúbida pode consultarse co xefe de estudos. Pode solicitarse unha copia dos documentos aquí recollidos na secretaría do centro.

Barraña Deportiva. Maio natural

 

Como vén sendo habitual, os nosos profes de Educación Física, Pilar e Gustavo, organizaron, dentro do Proxecto Barraña Deportiva, as actividades do Maio Natural: saídas para gozar do deporte ao aire libre. Nesta ocasión todas a maioría das sesións desenvolvéronse arredor de deportes acuáticos: paddle surf, piragua-dragón, Kayak de mar, aventura nas árbores, remo e surf. Todos os alumnos e alumnas que participaron volveron encantados e desexando repetir. Estas actividades pretenden aproximar ao alumnado a deportes menos coñecidos e que poden resultar moi atractivos. Hai centos de actividades deportivas, todos e todas podemos atopar algunha que nos "enganche" e nos axude a levar unha vida máis saudable e disfrutar do noso tempo de lecer. Parabéns polo traballo, compañeiros, e esperamos repetir o vindeiro curso. 

Distribuir contido


by Dr. Radut