Skip to Content

BOLSAS DE CARÁCTER XERAL PARA O CURSO 2022/2023

 

O Ministerio de Educación e Formación Profesional ven de convocar as bolsas de carácter xeral para o ano académico 2022–2023, para estudantes que cursen estudios postobrigatorios (Bacharelato, ciclos formativos, estudos universitarios,...).

O prazo para solicitar as mesmas adiántase notablemente respecto ao que viña acontecendo en anos anteriores. O prazo de presentación de solicitudes estenderase dende o día 30 de marzo ata o 12 de maio de 2022, ás 24:00 horas, hora peninsular, ambos inclusive.

Os/As interesados/as en solicitar ditas axudas deberán cumprimentar o modelo de solicitude que figura na páxina web do citado ministerio a través do seguinte enlace: 

https://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050130/ficha/050130-2022.html

Para máis información sobre este procedemento pódese consultar o seguinte enlace https://www.becaseducacion.gob.es/portada.html

Tamén podedes atopar máis información no documento adxunto.

 

"Fake news", bulos e discurso de odio nos medios e redes sociais con Agareso ONG

 

 

O pasado venres 18 de marzo, con motivo da Semana da Prensa, e vinculado ao noso Proxecto Documental Integrado deste curso, Cidadáns do mundo, o alumnado de 2º Bacharelato asistiu a unha charla dirixida por Roi Guitián, de Agareso ONG. Durante a charla Roi falou co alumnado sobre as noticias falsas, fake news ou bulos, explicándolles como se crean, como se propagan, o papel da burbulla de filtros na súa difusión, e a responsabilidade que temos nós como receptores de deter o seu percorrido. Falamos tamén da subxectividade na información, da elección motivada de imaxes ou titulares, do que se agocha detrás da elección de certo vocabulario e fotografías nos textos periodísticos para axudar a crear ese discurso de odio, e como ese discurso de odio pretende crear un clima de medo contra o "diferente". 

Agardamos que a charla de Roi servise para estimular o espíritu crítico do noso alumnado e enriquecese a súa forma de enfrontarse á información que lles chega a través de medios e redes. 

Moitas grazas a Roi Guitián e Agareso ONG por preparar esta actividade especialmente para nós. 

Saída a Santiago de Compostela

 

 

O xoves 24 de febreiro o alumnado de Bacharelato que cursa as materias de arte (Historia da arte, Fundamentos da arte e Patrimonio artístico e cultural de Galicia) tivo a oportunidade de facer unha visita á catedral de Santiago da man do departamento de Xeografía e Historia. O alumnado e as súas profesoras puideron realizar unha visita guiada á catedral e aos tellados, observando en primeira persoa todos aqueles elementos que previamente analizaran na aula. Unha experiencia moi enriquecedora da que volveron encantados.

Boas festas

 Postal gañadora do concurso de tarxetas de Nadal. Autor: Yago F.

A comunidade educativa do IES Praia Barraña deséxavos a todos e todas unhas boas festas e un felicísimo aninovo. Agardamos seguir compartindo tempos, cooperación e aprendizaxes con todos e todas vós.

Bo Nadal!

Nadal no IES Praia Barraña

Rematamos este primeiro trimestre celebrando a entrada do inverno e a chegada das festas de Nadal. Para isto dende o equipo de Barraña enreda organizamos algunhas actividades:

- Mercado solidario de libros de 2ª man, doados pola comunidade educativa. A recadación (210 euros) foi xa entregada á Cruz Vermella de Boiro para o seu programa de inclusión.

- Concurso de tarxetas de Nadal. O gañador, Yago F., de 1º ESO, foi premiado cun cheque-agasallo de 25 euros que poderá gastar nunha libraría papelería local.

- Decoración e concurso "Aulas de inverno": decoramos a planta baixa coa axuda dos adornos que nos agasallaron os usuarios do Centro de Día de Boiro, e convocamos un concurso de decoración das aulas. É unha pena que non contásemos con máis participación, pero agradecemos o esforzo de quen si o fixo. Os gañadores foron os alumnos e alumnas de 1º ESO A, que desfrutaron dunha merenda na nosa cafetaría o úlimo día de clase. 

- Recomendacións lectoras da Boiroteca para todas as idades.

- Entrega de estrelas e tarxetas de Nadal ao Centro de Día de Boiro, elaboradas por alumnado do centro.

- Instalación da nosa árbore dos desexos, realizada polo departamento de educación plástica e visual coa colaboración de alumnado.

Agardamos que vos gustasen as iniciativas e que vos animades a participar nas que xa estamos argallando. Barraña non enreda so, necesita de todos e todas.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut