Skip to Content

Galicia Skills 2018

 

O noso alumno Cristian González Rodríguez de 2º de Ciclo Medio participou este 28, 29 e 30 de Novembro nas Galicia Skills 2018 celebradas en Silleda, acompañado pola Xefa do departamento de Informática Lurdes Docampo Gómez. Estamos orgullosos pola súa coraxe e actuación, competindo co mellorciño de Galicia.

 

Exposición " Castelao Maxistral" Santiago de Compostela

O pasado venres, 16 de novembro, o alumnado de 4º da ESO, FP Básica e 2º de bacharelato, viaxamos ata a Cidade da Cultura de Compostela para acudir á exposición “ Castelao Maxistral”. Unha vez alí, fomos conducidos por un guía ao longo da exposición onde aprendimos o contexto socio político no que Castelao pinta o seu cadro “ A derradeira leición do mestre”. Ademáis de conhecer a represión política e social que se viviu despois da guerra civil na Galiza, aprendimos o especial ensañamento que se tivo contra dos mestres e as mestras da República por parte do bando franquista vencedor da guerra.

Samaín

O pasado luns 5 de novembro asistimos co alumnado de 3º e 4º da ESO e de FP básica, a unha charla sobre o Samaín impartido polo catedrático de matemáticas Braulio Amaro Caamaño quen nos fixo unha presentación na que explicou a orixe, evolución e importancia do calendario que temos a día de hoxe, a relación entre a astronomía e a medición do tempo para os nosos antergos e o significado das datas do Samaín. No contexto da cultura europea o Samaín foi e segue a ser en certas zonas, unha data de referencia para as diferentes culturas existentes na antigúidade tanto no continente como nas illas británicas.

 

Esta charla foi organizada polo Equipo de dinamización lingüística do galego.

 

 

SEGUIMOS DESEUCALIPTIZANDO!

O día 22 de outubro moito do noso alumnado e profesorado do centro, seguindo unha actividade xa iniciada o curso pasado, volvemos sair ao noso monte a arrincar eucaliptos. Acompañounos o bo tempo e gozamos dun bo ambiente nesta xornada en defensa da natureza. Teremos que seguir máis veces!
Loitamos contra o monocultivo invasivo do eucalipto. Traballamos pola biodiversidade.
Carballos si, castiñeiros si, faias si, nogueiras si, froiteiras si, bidueiros si, pradairos si...
Eucaliptos non!  É unha peste!

 

 

Memoria do lume

O 15 de outubro, no pavillón do Colexio das Neves, convocados polo Concello, xuntámonos a Comunidade Escolar (todos os centros educativos, representantes de país e nais, profesorado, etc) así como representantes do voluntariado para lembrarmos os terribles incendios que asolaron boa parte do municipio. Isto non significa que fose un acto nostálxico, por máis que exercermos a memoria é necesario; foi sobre todo un evento de esperanza, de necesidade para demandarmos colectivamente un cambio nos usos, xestión e produtividade do noso monte, do noso rural.

Un recordatorio do día da Ciencia en Galiza

O 8 de outubro tivemos unha lembranza deste día dedicado a divulgar a investigación e ciencia entre a sociedade e a comunidade educativa, centrado nesta edición na figura do científico ilustrado galego Domingo Fontán.

O pontevedrés Domingo Fontán (Portas 1788- Cuntis 1866), prestixioso matemático e xeógrafo, foi o autor do noso primeiro mapa topográfico, a Carta xeométrica de Galiza, realizado tras moitos anos de traballo con métodos científicos e medicións matemáticas, cunha escala de 1:100.000.

Distribuir contido


by Dr. Radut