Skip to Content

Samaín

O pasado luns 5 de novembro asistimos co alumnado de 3º e 4º da ESO e de FP básica, a unha charla sobre o Samaín impartido polo catedrático de matemáticas Braulio Amaro Caamaño quen nos fixo unha presentación na que explicou a orixe, evolución e importancia do calendario que temos a día de hoxe, a relación entre a astronomía e a medición do tempo para os nosos antergos e o significado das datas do Samaín. No contexto da cultura europea o Samaín foi e segue a ser en certas zonas, unha data de referencia para as diferentes culturas existentes na antigúidade tanto no continente como nas illas británicas.

 

Esta charla foi organizada polo Equipo de dinamización lingüística do galego.

 

 

SEGUIMOS DESEUCALIPTIZANDO!

O día 22 de outubro moito do noso alumnado e profesorado do centro, seguindo unha actividade xa iniciada o curso pasado, volvemos sair ao noso monte a arrincar eucaliptos. Acompañounos o bo tempo e gozamos dun bo ambiente nesta xornada en defensa da natureza. Teremos que seguir máis veces!
Loitamos contra o monocultivo invasivo do eucalipto. Traballamos pola biodiversidade.
Carballos si, castiñeiros si, faias si, nogueiras si, froiteiras si, bidueiros si, pradairos si...
Eucaliptos non!  É unha peste!

 

 

Memoria do lume

O 15 de outubro, no pavillón do Colexio das Neves, convocados polo Concello, xuntámonos a Comunidade Escolar (todos os centros educativos, representantes de país e nais, profesorado, etc) así como representantes do voluntariado para lembrarmos os terribles incendios que asolaron boa parte do municipio. Isto non significa que fose un acto nostálxico, por máis que exercermos a memoria é necesario; foi sobre todo un evento de esperanza, de necesidade para demandarmos colectivamente un cambio nos usos, xestión e produtividade do noso monte, do noso rural.

Un recordatorio do día da Ciencia en Galiza

O 8 de outubro tivemos unha lembranza deste día dedicado a divulgar a investigación e ciencia entre a sociedade e a comunidade educativa, centrado nesta edición na figura do científico ilustrado galego Domingo Fontán.

O pontevedrés Domingo Fontán (Portas 1788- Cuntis 1866), prestixioso matemático e xeógrafo, foi o autor do noso primeiro mapa topográfico, a Carta xeométrica de Galiza, realizado tras moitos anos de traballo con métodos científicos e medicións matemáticas, cunha escala de 1:100.000.

MMM no noso centro

MMMCelebrouse o 28 de setembro no salón de actos do noso instituto unha xornada informativa de grande interese sobre varios aspectos relacionados coa loita feminista e as reivindicacións das mulleres, unha liña de traballo primordial no noso centro. Marta Gómez, representando á Marcha Mundial das Mulleres (MMM) comentounos diversas cuestións sobre o aborto, a situación legal, a violencia de xénero, a necesidade de información, concienciación, organización e mobilización en defensa da liberdade da muller, etc.

Houbo moi boa participación do alumnado asistente e abondaron preguntas de moita importancia para as mozas e mozos. Noraboa!

Árbores Senlleiras

O pasado 20 de setembro asistimos á inauguración de “AS NOSAS SENLLEIRAS”, na Casa da Cultura das Neves, unha magnífica mostra das máis relevantes e emblemáticas árbores do noso país. Poderase seguir visitando nos próximos días para o que teña interese. Desde aquí animamos a facelo, paga a pena!

Está organizada, en colaboración co Concello das Neves, pola Deputación de Pontevedra. Agradecemos a estas institucións por ternos convidado a este acto.

Distribuir contido


by Dr. Radut