Skip to Content

Historia

O I.E.S.  Pazo da Mercé recibe  o seu nome da súa fundadora Dona Purificación Fontán (1846-1921), Marquesa do Pazo da Mercé, viúva de Don Jośe de Elduayen y Gorriti (1823-1898).

Elduayen foi ministro de Facenda con Serrano e máis tarde con Cánovas. Tivo un papel moi importante na restauración Borbónica e por iso en 1875 Alfonso XII concédelle o título de Marqués  do Pazo da Mercé por ser unha das persoas que máis loitou para que o seu matrimonio  con María de las Mercedes tivese lugar xa que dito matrimonio non era ben visto nin polas Cortes nin pola nai do rei, a raíña Isabel II.

 

A historia do noso centro vai ligada á da Marquesa: en 1910 tivo lugar unha xuntanza na casa reitoral de Tortoreos entre o cura da parroquia e algúns dos homes máis relevantas da zona para falar da grande utilidade que sería para a comarca  a creación  dun hospital para indixentes. No transcurso da reunión apareceu a Marquesa que despois de ser informada do proxecto  decidiu subvencionalo cunha importante dotación económica. Cando comezan as obras do edificio deciden convertilo en colexio para rapazas da zona, rexentado por unha orde relixiosa. En 1912 créase o Padroado da ”Fundación Fontán-Pazo de la Merced“ para administrar a fundación benéfico-docente. Este padroado está formado polo Bispo de Tui como Presidente, o cura de Tortoreos como Vicepresidente e administrador e o cura e o Alcalde de As Neves como vogais. O centro estaba destinado para as rapazas de Tortoreos, Neves, Rubiós e Meder.

Trala morte da Marquesa o Padroado decide crear un segundo edificio que sería destinado a colexio de Artes e Oficios para os rapaces da zona. Así nace o noso centro. O centro foi inaugurado en 1931 e a el podían asistir rapaces de 14 anos que querían continuar os seus estudos. Os alumnos recibían unha formación moi completa: ademais dun curso de carpintería e agricultura, aprendían mecanografía, contabilidade, xeografía, xeometría, debuxo e francés. Este centro estaba rexentado pola congregación do Sagrado Corazón, pero por motivos económicos o centro queda abandonado durante uns anos. En 1985 o Padroado decide ceder o edificio e o terreo colindante á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para ser destinado a Instituto de Ensinanzas Medias e Escola de Formación Profesional.

Doña Purificación Fontán (Marquesa do Pazo da Mercé)

 

Retrato da Marquesa, cedido temporalmente polo Concello de As Neves.

Pódese contemplar na entrada principal do noso instituto.



page | by Dr. Radut