Memoria do lume

O 15 de outubro, no pavillón do Colexio das Neves, convocados polo Concello, xuntámonos a Comunidade Escolar (todos os centros educativos, representantes de país e nais, profesorado, etc) así como representantes do voluntariado para lembrarmos os terribles incendios que asolaron boa parte do municipio. Isto non significa que fose un acto nostálxico, por máis que exercermos a memoria é necesario; foi sobre todo un evento de esperanza, de necesidade para demandarmos colectivamente un cambio nos usos, xestión e produtividade do noso monte, do noso rural.

Queremos o fin do monocultivo do eucalipto. Apostamos pola biodiversidade con especies autóctonas. Pretendemos espallar conciencia medioambientalista e levar á práctica os valores e ideas de defensa da natureza. Neste sentido, tal e como afirmou o alcalde das Neves Xosé Manuel Rodríguez Méndez na súa intervención, a mocidade é a peza clave para esta tarefa tan necesaria de cara a construirmos un futuro mellor. En relación con isto, explicitou o compromiso da Comunidade Educativa en levar adiante un fermoso plan educativo, social e comunitario: “O Monte nace na Escola”. A participación dos centros de ensino, a súa aportación, o seu traballo, contribuirá decididamente a un cambio de rumbo estratéxico e en beneficio das persoas.

Tamén houbo outras intervencións. Ademais do voluntariado, cómpre destacar a presentación e visualización pública do logo coa súa autora, alumna de 5º curso do Ceips das Neves, e tamén a lectura dunhas palabras a cargo de tres alumnos do noso Instituto, que reproducimos aquí.

Polo tanto, noraboa por sementar futuro!

Lumes Nunca Máis!

Fóra Eucaliptos!