Radio

Radio-teatro: A piragua de Cándido Pazó

A piragua é unha obra de teatro de Cándido Pazó que un grupo de rapazas de 3º ESO adaptaron para o seu programa de Radio Teatro. Paula Lourido, Sara Martínez, Marta Mayo e Paula Mosquera leron o texto e foron organizando unha serie de escenas, que non corresponden coa división da obra orixinal. Aquí quedan as dúas primeiras que elas adaptaron.

Seguro que vos gusta o resultado!

 

 

 

 

Programa especial na radio MillaFalaDoiro dedicado a Francisco Fernández del Riego

Alumnado de 4º ESO quixo dar a coñecer a figura de Francisco Fernández del Riego a toda a comunidade educativa. Elaboraron varios episodios para o programa chamado "Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego". De forma individual, por pares ou en grupos foron preparando diferentes episodios con diferentes formatos. Seguro que atopades  moita información sobre o autor homenaxeado, e ao final podedes experimentar a responder as preguntas do Concurso sobre Don Paco, a ver se dades coa resposta certa en todas as preguntas:

 

 

 

 

 

 

Programa "Entrevistas con Diego": Bernardo Penabade

"Temos que facer unha escola transformadora!"

Bernardo Penabade foi entrevistado por Diego Madarnás para falar dos proxectos que este profesor e dinamizador deseñou e puxo en marcha, desde hai anos, con moito éxito.

Se alguén quere saber sobre o Modelo Burela, o proxecto Neo e moitas máis cuestións de interese, porque "Burela e O Milladoiro teñen moitísimos puntos en común", segundo Penabade, este é o episodio que non debedes perder. 

Escoitade a entrevista completa para saber das propostas de intervención educativa que nos recomenda e do reto que lle lanza a Diego.

Radio teatro: O merlo branco

 Héctor Pin, Miguel Franco e Mateo Campos, alumnos de 1º ESO, estreáronse na radio facendo teatro lido. Escolleron, para comezar, a obra "O merlo branco", de Cándido Pazó. Aquí vos deixan a dramatización da primeira parte.

Na parte técnica tiveron a Gael Rodríguez (1º ESO) e Hugo Mateos (4º ESO), coa colaboración de  Erik Cadavid (3º ESO).

Radio teatro: O merlo braco

Os alumnos de 1º ESO

Programa "Entrevistas con Diego": María Iglesias

Diego Madarnás entrevistou desta vez á súa compañeira de clase, María Iglesias Bermúdez, estudante de 4º ESO e gañadora do Canta con Ames 2022, categoría xuvenil (ver vídeo da actución).

 

Novo programa no MillaFalaDoiro: Os cuartos de atrás

Bota a andar o novo programa dirixido por Carlota Ageitos e Yago Bouzas. Chámase "Os cuartos de atrás" (Backrooms) e xa gravaron dous episodios.

No primeiro episodio fan a presentación do programa:

 

E agora non perdades o segundo episodio:

Día mundial da radio: programa especial

 

Co gallo do Día mundial da radio, que se celebra hoxe, 13 de febreiro, as alumnas de 2º ESO -Noa, Julia, Antía, Alicia, Gabriela, Celia e Celtia- fixeron o programa especial para comemoralo, seguindo a proposta de Ponte... nas ondas. Nel fan un breve repaso polo que é a nosa radio, o MillaFalaDoiro.

 

Enlace á publicación do programa na web de Escolas... nas Ondas

Ademais tivemos unha presentación do que é a nosa radio na biblioteca do noso centro por parte de Erik Cadavid, técnico e colaborador incansable deste proxecto.

A comedia bífida: Eliseu

As alumnas Marta Mayo, Sara Martínez, Paula Mosquera e Paula Lourido dramatizaron outra escena do libro de M. Núñez Singala A comedia bífida. Neste caso leron o caso do xulgamento de Eliseu Lamas.

 

Ao son da paisaxe: Episodio 4

Un novo episodio do programa "Ao son da paisaxe". Desta vez as reporteiras foron Celia, Celtia e Gabriela que investigaron sobre as hortensias e plantas aromáticas que plantamos o curso pasado no patio do IES.

Novo grupo de radio de 1º ESO

Antía, Claudia e Lorena, alumnas de 1º ESO, acaban de iniciarse na radio e fixeron un programa especial no que falan sobre algo que lles gusta moito: as excursións.

 

Vinte anos do Prestige

Episodio número 3 do Programa Ao son da paisaxe, nesta ocasión un especial a propósito dos vinte anos da catástrofe do Prestige na costa galega. Noa, Antía, Alicia, Julia, Gabriela, Celtia e Celia explican con claridade os feitos acontecidos hai vinte anos e traen as lembranzas de avós mariñeiros de Ribeira e Carnota.

Ao son da paisaxe: Episodio 2

As alumnas responsables do programa Ao son da paisaxe presentan o episodio número 2. Gravado nesta ocasión por unha parte do equipo (Noa, Julia, Antía e Alicia) explican como é a primeira plantación de árbores que se realizou no noso IES o curso pasado  e dan algúns datos sobre as diferentes especies que se plantaron.

 

O poema é coma un paxaro

Ismael Ramos, este 23 de novembro, faloulle da súa poesía ao alumnado de 2º de Bacharelato e estableceu con eles un diálogo sobre a forza das palabras. Nos 50 minutos que durou a charla organizada polo EDLG, en colaboración co departamento de Lingua Galega, o ex-profesor do noso IES foilles explicando como se animou a publicar poesía e como naceron algúns dos seus poemas. Leulles textos de dúas das súas obras, Lumes e, a recentemente premiada, Lixeiro. Coa comparación de que o poema é coma un paxaro quixo facerlle ver ao público o que significa a poesía, público que tivo oportunidade de preguntarlle no final sobre aspectos diversos da súa traxectoria como escritor.

A continuación acudiu á radio, onde as súas ex-alumnas lle fixeron unha interesante entrevista que debedes escoitar para coñecer mellor toda a súa obra.

 

Para finalizar a xornada no noso IES aínda se achegou á biblioteca para inaugurar a exposición que colocamos para celebrar os 20 anos da catástrofe do Prestige, coa lectura dun artigo que publicara sobre a desmemoria arredor desta traxedia.

 

Programa "Entrevistas con Diego": Anxo Gómez

Achegamos un novo episodio do programa de Entrevistas con Diego, neste caso ao compañeiro violinista Anxo Gómez, que participou nun certame europeo.

Programa "Entrevistas con Diego": Adrián Campos

Diego Madarnás comezou de novo co seu programa de entrevistas. Nesta nova temporada, e xa vai a terceira, o primeiro episodio protagonízao o seu compañeiro de promoción: Adrián Campos Villaverde, quen vén de colocarse entre os vencedores do Ceiba Rimas, un proxecto para fomentar o rap improvisado en galego.  Non perdades esta interesante entrevista onde Adrián conta como foi esta experiencia.

Mario Campos e Erik Cadavid foron os técnicos deste episodio.

 

Nace un novo programa radiofónico: "Ao son da paisaxe"

O curso pasado comezamos a desenvolver un proxecto que se chamou Ao son da paisaxe, e neste ano lectivo comeza un programa de radio co mesmo nome. O primeiro episodio foi gravado por Noa Mesías, Alicia Lariño, Antía Casabella e Julia Montes; tiveron na parte técnica a Erik Cadavid. Neste podcast de arranque explican o programa:

 

Programa "Despois de todo...", episodio "O murmurio do medo"

Enia Villaverde gravou durante o curso pasado varios podcast do seu programa Despois de todo e de todos, aquí e agora, mais non foi quen de rematar a gravación do último episodio antes das ABAU. Nunha demostración de formalidade e compromiso co traballo do EDLG, achegouse ao IES en xullo, durante as vacacións, para finalizar esta interesante reflexión. Aquí vos queda o seu traballo, esperamos que o desfrutedes.

 

NO AIRE

Xa arrancamos coa radio neste curso 22-23 coa novidade de que estreamos local. No final do curso pasado comezamos co baleirado dun pequeno almacén para reconvertelo a estudo de radio. As dimensións non son moitas, pero quedou moi ben arranxadiño e fainos o apaño necesario.

Hai tres grupos de alumnos e alumnas que xa participaron neste proxecto o curso pasado e xa se puxeron co deseño dos seus programas de podcast para a nova temporada. Algúns van ter continuidade (radio-teatro, entrevistas...) pero tamén aparecen outros programas novos, por exemplo "Ao son da paisaxe". Noa, Alicia, Antía e Julia xa gravaron o primeiro episodio que se vai publicar en breve. Ademais estamos moi contentas de que se incorporasen alumnas novas en 2º ESO.

E este ano, como temos un espazo específico, xa puidemos comezar a formación do alumnado de 1º ESO que se achegou a nós ilusionado co proxecto da radio. Erik Cadavid está a axudar coa formación na parte técnica. Xa veredes como de seguida imos ter xa algúns programas feitos pola rapazada máis nova do IES.

Programa "Entrevistas con Diego". Podcast 11: O xadrez

O último programa de "Entrevistas con Diego" deste curso estivo dedicado ao xadrez. Entrevistou, para o que xa é o podcast número 11, a dous xadrecistas da súa idade, un compañeiro no IES do Milladoiro, Mauro Araújo, e o outro Eduardo Cabanas, que reside en Bertamiráns pero estuda no IES Xulián Magariños de Negreira.

Coa axuda de Mario Campos e Hugo Mateos na parte técnica, preparou este programa especial que, sexades ou non afeccionados ao xadrez, non debedes deixar de escoitar.

 

Entrevista a Manuel Núñez Singala

O pasado mércores, 15 de xuño, tivemos a honra de que viñese ao centro o célebre escritor e veciño de Ames, Manuel Núñez Singala.

Despois de lermos a súa obra Comedia bífida e escoller dúas escenas para dramatizalas na radio, convidámolo ao centro para facérmoslle unha entrevista centrada na obra que lemos. Colaborou connosco Diego Madarnás. Deixámosvos abaixo o enlace para que poidades escoitala.

Pareceunos unha persoa moi cercana, que nos contestou con moito interese. Chamounos á atención o seu compromiso co seu traballo como normalizador lingüístico e coa lingua. Fíxonos unhas reflexións moi interesantes que nos gustaría que escoitásedes.

 Aproveitamos que veu ao centro para que nos asinase todas as obras que tiñamos del na biblioteca.

 

Artigo feito por: Marta Mayo, Paula Lourido, Sara Martínez e Paula Mosquera

 

 

Radio teatro: "Comedia bífida"

Un grupo do alumnado do EDLG que participa na radio decidiu este curso facer teatro lido. Escolleu para iso a coñecida obra de Manuel Núñez Singala Comedia bífida e nela seleccionou dúas escenas, a do xuízo a Diña e mais a do xuízo ás xemelgas Lina e Lana e que podedes oír nos enlaces que vos deixamos.

Remataron o programa cunha entrevista ao autor que publicaremos proximamente.

 

Antonio Aguín fálalles ás nosas reporteiras de como vai ser a viaxe a Andorra

Xa falta pouco para que o alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato faga a súa esperada saída á neve.

Tres alumnas de 1º ESO que se ocupan do programa de deportes (Alicia Lariño, Noa Mesías e Antía Casabella) entrevistaron a Antonio Aguín, xefe do departamento de Educación Física e organizador da viaxe á neve que se realiza no centro desde hai anos, pero que tivo un parón o curso pasado debido á pandemia.

 

Programa "Entrevistas con Diego". Podcast 10

Neste novo episodio do programa de Diego Madarnás "Entrevistas con Diego" preséntasenos un faladoiro moi interesante coa profesora e escritora María López Sández, residente no noso concello. A narradora e ensaísta estivo a falar das súas obras, do proceso de creación (sobre todo d'O faro escuro) e de varios aspectos interesantes no encontro que tivo con Diego no noso IES cando foi convidada para ser entrevistada.

Nas vésperas do Día de Rosalía, lembramos que María López Sández ten investigado moito sobre a autora de Follas novas e, máis concretamente, sobre un tema no que estamos este ano implicadas: os espazos naturais e a paisaxe na súa obra. Lembramos que ten unha unidade didáctica titulada precisamente Paisaxes literarias na obra de Rosalía de Castro.

 

Deportes: Recreos activos

Temos un novo episodio do podcast de Deportes. Esta vez está centrado no programa "Recreos activos", que se desenvolve no noso IES. Para coñecer todo sobre el, dous reporteiros entrevistaron o profesor de Educación Física e coordinador da actividade, Antonio Aguín.

"Despois de todo e de todos, aquí e agora". 2ª episodio: "Matar o tempo"

Temos novo episodio do programa que dirixe Enia Villaverde Despois de todo e de todos, aquí e agora. Esta vez reflexiona sobre o sentido que lle damos ao tempo. Estamos atrapadas polo reloxo? O tempo é ouro? Realmente... non temos tempo? Non deixedes de escoitalo!

 

"Despois de todo e de todos, aquí e agora"

Despois de todo e de todos, aquí e agora é o programa de podcasts que dirixe Enia Villaverde e que bota a andar agora. Con periodicidade, que pretende ser semanal, vai subir algunhas das súas reflexións ou algúns textos que de vez en cando lle gusta escribir e que quere compartir.

Busca que as persoas que a escoiten reflexionen sobre o que está a pasar no seu día a día.

Aquí temos o primeiro programa, titulado O murmurio do medo:

 

Novas de aquí e de acolá: as noticias da semana

Uxía e Rosa deixan a súa selección de novas da semana, tanto da contorna do Milladoiro coma do mundo de fóra:

Sinag: podcast 4

Neste episodio, o número 4 do programa Sinag, conducido por Yomara Ferreiro, o tema é a fibromialxia, unha enfermidade aínda moi descoñecida para a maioría da poboación.

 

Sinag: podcast 3

Volve Yomara Ferreiro co seu programa Sinag. Desta vez fainos un episodio entretido, ao tempo que reflexivo, a partir de citas de cine e literarias.

 

 

Distribuir contido