Actividades de fin de curso da Coordinadora de Convivencia

 
A Coordinadora de Convivencia, despois de organizar a visita e benvida do alumnado de primaria ao noso centro, continuou coas súas actividades o pasado día 20 para rematar o curso sementando convivencia positiva. 
 
 
Pola mañán tivemos a sorte de contar con un obradoiro internacional: galego-mozambicano. Por unha banda Brais Fernándes realizou unha sesión de dinámicas de reflexión colectiva e con Américo “Festinhas” achegámonos á danza e ao teatro de Mozambique para reafirmarnos, unha vez máis, na enerxía positiva que desprende a arte. 
 
 
 
 
 
 
 
Pola tarde continuamos cunha sesión de cinema reflexivo, arredor da saúde mental na adolescencia, o racismo, a presión social e o bullying. Este ano, un grupo de alumnas do noso centro participou activamente co proxecto A TRIBO, grazas ao convenio de colaboración que temos con AGARESO e IGAXES). Un proxecto tan interesante como necesario, que nos fai ver máis alá e repensar a situación actual da nosa mocidade con empatía. Un xeito de achegarnos á mirada do noso alumnado cuns óculos máis sociais e solidarios. 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
A maiores, tivemos a sorte de ver a estrea mundial da curta “A-portas ou A-partas” escrita, realizada e producida polas alumnas de Artes Escénicas e Danza de 4º da ESO do noso instituto. Unhas artistas que nos agasallaron cunha obra audiovisual coa cal moito alumnado se identificou en algunha das tres protagonistas. O debate aberto, no que participou todo o alumnado de 2º da ESO e 3º da ESO, foi moi interesante e dinámico en ambas presentacións. 
 
 
 
Agardamos que para o vindeiro curso sigamos construíndo unha comunidade educativa que aposte con firmeza pola convivencia positiva.  
 
Bo verán e gozade das merecidas vacacións. Desexamos que sexan reparadoras para voltar con moita forza e ilusión o vindeiro curso para seguir sementando convivencia positiva. 
 
Un saúdo agradecido das persoas que formamos a Coordinadora de Convivencia