Entrega das certifiacións do Camòes Junior no IES do Milladoiro

Hoxe  martes, 18 de outubro, tivo lugar a entrega dos certificados de Lingua portuguesa no IES do Milladoiro no que participaron, Filipa Soares, Agregada de Educación da Embaixada de Portugal e Coordinadora do Ensino do Portugués em España e Andorra, acompañada polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O pasado mes de xuño presentáronse ás probas de certificación do Camões Júnior trinta e cinco alumnos e alumnas, dos cales trinta e dous acadaron o nivel B1 e tres o A2 en Lingua portuguesa.

Filipa Soares parabenizou o esforzo feito no IES e explicou que este foi o centro que conseguiu examinar o maior número de alumnado, o que supuxo un gran desafío tamén para a entidade que representa, xa que estas probas se realizan en liña, mais en tempo real en conexión desde a escola e o centro en Lisboa. O alumnado que conseguiu os títulos podía levar dous ou tres anos estudando portugués, materia que se implantou neste centro no curso 19-20.

O acto, presidido polo director do IES e que contou coa presenza do presidente da ANPA, foi dirixido por catro alumnas que na actualidade cursan 3º ESO: Saínza Ruíz, Uxía Reyes, Ana Caamaño e Zoe González. Elas falaron en nome dos 130 matriculados en portugués este curso no IES, que enchían o salón, e mais do alumnado que conseguiu a certificación e que xa non está no centro. Agradeceron a oportunidade que se lle deu ao alumnado do IES do Milladoiro de obter esta certificación desde o propio centro e de forma progresiva. Lembraron tamén os proxectos que se desenvolven desde o Equipo de dinamización da Lingua Galega que poñen o foco na lusofonía como elemento normalizador do galego. Neste punto incidiu tamén Valentín García na súa intervención quen lles fixo ver aos discentes a vantaxe que lles supoñía saberen galego para acadaren un bo nivel de competencia en portugués nun curto período de tempo.

Fíxose tamén referencia ao que supoñen as linguas como elemento de unión e de “fraternidade” entre as diferentes culturas que conforman a nosa comunidade educativa, composta por alumnado e familias de 22 nacionalidades diferentes. Para amosar este espírito de fraternidade, o colectivo Euterpe amenizou o acto coa interpretación da famosa canción do Zeca Afonso, Grándola, vila morena.