Mentes referentes: os podcast

O que na programación inicial do EDLG se pensou como un intercambio lingüístico e cultural a través da radio, acabou dando lugar, neste mes de xuño, á realización de catro podcast conxuntos entre o alumnado do noso centro e o do IES Félix Muriel de Rianxo. O nome, "Mentes referentes",  porque o obxectivo principal era que o alumnado de cada centro localizase "mentes referentes" do seu concello, que traballasen en galego, e que llas presentase ao alumnado do outro instituto para que este preparase a correspondente entrevista.

Con este esquema de traballo estivemos no terceiro trimestre e, aínda que parte do proceso se desenvolveu de xeito virtual, argallamos dúas mañás de convivio e traballo conxunto que deron moi bos resultados. O mércores 8 de xuño foi cando nos xuntamos en Rianxo, para que as nosas reporteiras entrevistaran a dúas mulleres referentes nese concello: Maruxa Miguéns (do mítico grupo Os Rosales) e Sabela Galbán, unha moza cunha grande traxectoria musical (Cuarteto de biselas, Carapaus,  Sés..). Logo o pasado luns 20 acollemos no Milladoiro ao grupo da radio que chegaba desde a terra de Castelao para entrevistaren a Inés Suarez, integrante do grupo de música tradicional do noso concello "As maianas" e mais á xornalista, presentadora da TVG, Susana López Carbia. O alumnado de cada centro anfitrión fixo as presentacións e despedidas correspondentes, e entre alumnado dun e doutro centro explicaron o proxecto neste que chamamos "Introdución ao proxecto".

 

En ambos os casos compartimos, ademais dos estudos de gravación, unha troca de experiencias e de xeitos de traballar, que deu moi bos froitos, de feito temos pensado continuar no vindeiro cursos.

Aquí quedan as entrevistas realizadas ás catro mentes referentes: