Redes sociais, videoxogos e apostas entre os adolescentes galegos

Segundo o informe que presentou este martes 8 de febreiro UNICEF Comité Galicia, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática, baixo o título ‘Impacto da tecnoloxía na adolescencia en Galicia. Relacións, riscos e oportunidades’, un de cada catro adolescentes en Galicia usa de forma intensiva e sen supervisión internet e as redes sociais; ademais, un de cada cinco podería “ter un certo enganche” aos videoxogos. Un 97'9% dos adolescentes galegos está rexistrado nalgunha rede social e o 80'5%, de feito, está rexistrado en tres ou máis redes sociais. Cinco de cada dez adolescentes, un 53'6%, contactaron con descoñecidos a través de internet, chats ou redes, e un 54'1% aceptou a descoñecidos en redes sociais. Por outra banda, as prácticas do sexting e o ciberacoso son cada vez máis habituais: catro de cada dez adolescentes asegura recibir algunha vez mensaxes de contido erótico/sexual, un de cada dez recibiu –a través de redes, chats, internet ou videoxogos– unha proposición sexual por parte dun adulto, e dous de cada dez poderían estar a sufrir ciberacoso. No relativo aos videoxogos, para o 60% dos adolescentes é a súa principal canle de lecer e entretemento, pero o 50% recoñecen xogar a xogos non recomendados para a súa idade.

Trátase dun tema cada vez máis preocupante e que precisa de máis coñecemento e datos. Por iso, o IES do Milladoiro desexa colaborar coa Fundación Barrié, que está a promover un estudo sobre redes sociais, videoxogos e apostas entre os adolescentes galegos,  coordinado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rial Boubeta.

Este estudo supera xa os 5.000 participantes (arredor de 30 centros educativos das catro provincias) e ten como obxectivo acadar unha mostra de 10.000 escolares para poder contar cun alto grao de representatividade nos resultados.

Trátase dunha actividade que permitirá que o centro poida ter un informe sobre esta temática, que permitirá coñecer en profundidade que está a pasar no noso contorno en relación a estes aspectos. É unha información que se podería utilizar no vindeiro curso para desenvolver actividades coas que se podería contar coa colaboración dos organizadores deste estudo.

A actividade consistirá en que cada grupo, nunha hora previamente establecida, entre os días 19 e 30 de abril, cubra un cuestionario en rede nunha das aulas de informática, previamente reservada. Estímase que a duración da actividade situaríase entre os 20-25 minutos.

Achégase un Manual de procedemento no que se explica esta enquisa.