Celebración do "Día de Rosalía" no IES

Celebramos o Día de Rosalía 2022 adaptándonos á nova data na que se confirmou que naceu a autora de Cantares gallegos. Foi neste 23 de febreiro tamén o día no que naceu o colectivo musical Euterpe, que abriu e pechou os actos no centro. Co poema que Curros Enríquez lle dedicou a Rosalía de Castro, "No bico un cantar" (interpretado por María Iglesias na voz e piano, Dora Iglesias na frauta, Erik Cadavid na trompeta e Eloi Zabala na guitarra), déuselle paso á charla que Marilar Aleixandre, que lle ofreceu ao alumnado de 1º ESO A, B e C. Baixo o título de "Rosalía e as desposuídas, a terra e as mulleres", explicou a actualidade da poeta en temas como a emigración, o feminismo e a defensa da paisaxe natural galega. Pechouse o faladoiro coa interpretación do poema "Nasín cando as prantas nasen" na voz de Xiana Lorenzo, acompañada na guitarra por Simón Jiménez.

 

 

A seguir, o alumnado de 1º ESO, acompañado polo alumnado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, saíu para a zona do patio destinada á plantación das árbores cedidas pola Aula da Natureza do Concello, cuxa brigada tamén previamente viñera ao centro para acondicionar o terreo. Alí procedeuse, seguindo as indicacións dos técnicos medioambientais, á plantación de 11 bidueiros, 3 érbedos, 2 castiñeiros, 2 carballos, 2 sobreiras, 1 cereixeira e 1 figueira. Todas estas árbores quedaron etiquetadas cuns cartaces, realizados  previamente polo alumnado do primeiro curso da ESO, e colocadas nunhas estacas que fixeron nas aulas de tecnoloxía. 

 

 

Durante a plantación, un grupo de alumnas do EDLG leu o manifesto da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) para o Día de Rosalía 2022, e xunto cos demais membros do EDLG recitaron versos da autora. Estiveron no acto o alcalde de Ames e mais o concelleiro de medioambiente.

O Día de Rosalía pechouse no centro coa inauguración dos novos versos que se colocaron nas escaleiras. En dous tramos combinouse a poesía de Rosalía escrita no s. XIX  e tantas veces musicada "Miña terra, miña terra/ terra onde m'eu criei/ hortiña que quero tanto/ figueiriñas que prantei..." con algúns versos da tan actual canción Terra das Tanxugueiras ("Canta ti, cantarei eu/ co xeito das nosas nais..."). Remataron as actividades da mañá no IES con outra actuación do colectivo Euterpe, que aínda volveu intervir á tarde na inauguración do mural de Rosalía realizado na entrada da Casa da Cultura, onde as nosas alumnas volveron ler poemas e mais o manifesto da AELG.