Pensamentos de Castelao a Rosalía. Do 30 de xaneiro ao 24 de febreiro

Naceu Rosalía uns anos antes pero un mes despois, daquela homenaxeamos a Castelao primeiro e logo á poeta que viviu un tempo no noso concello, pero organizamos unha actividade que nos permite enlazar as dúas efemérides.

 Escollemos de forma simbólica unha planta chamada pensamento para que servise de soporte aos  “pensamentos” (citas) de Castelao que, previamente, o alumnado dos diferentes grupos seleccionou para ter, a partir do día 30 de xaneiro (data na que naceu o rianxeiro) na súa aula. A mediados do mes de febreiro van pasar a ocupar a planta algúns versos de Rosalía, que estarán ata pasado o día que se conmemora o seu nacemento (24 de febreiro).

Todo o proceso de preparado dos textos nas plantas desenvolveuno o alumnado voluntario do Equipo de dinamización que está na foto superior, durante os recreos.

O alumnado de cada grupo vai ser o responsable do coidado da planta (cos pensamentos de Castelao e logo cos versos de Rosalía) ata finais do mes de febreiro, aspecto que se vai valorar na olimpíada de convivencia.

Ademais desta acción, para lembrar a Castelao cuxo nacemento coincide co Día da paz, fíxose unha pequena exposición dos seus álbums de guerra (Milicianos, Atila en Galicia e Galicia mártir) na entrada do edificio e mais en fronte da biblioteca, xunto con datos básicos sobre a súa vida e obra. Isto vai tamén servir de marco para o alumnado que vaia visitar a exposición "Castelao maxistral" na Cidade da cultura.