Skip to Content

Extraescolares

DÍA DO LIBRO

Imaxe-05      O día 23 de abril conmemórase a Xornada Internacional do Libro. A coincidencia no mesmo día do ano 1616 da morte de William Shakespeare e Miguel de Cervantes (e do Inca Garcilaso de la Vega, para redondear a cousa) xustifica sobradamente a celebración deste día (aínda que sexa con truco... en fin, que si non è vero, è ben trovato).

     No IES Plurilingüe Elviña os departamentos de linguas optaron este ano por facer unha exposición na Biblioteca de libros nos distintos idiomas do mundo (aproveitando que the surname v.gr. le prénom do noso centro é Plurilingüe). Moitas grazas a todos os profes que remexeron nas súas bibliotecas particulares para atopar os tesouros escondidos: libros do século XVIII, unha edición rara dos grabados da Encyclopédie de Diderot, unha edición das obras de Hawthorne de 1877, un misal romano do XIX, un facsímil dun Libro de Horas medieval, gramáticas do español de 1920, dicionarios de latín do século XIX, libros en xaponés, en chinés, en alemán, en inglés, en francés, en italiano, en ruso, en portugués, facsímiles, libros asinados polos autores, libros troquelados, xornais de todo o mundo... En fin, viuse alí todo tipo de publicacións do mundo. Unha boa maneira de celebrar o Día do libro.

im-01Im-02Im-03Im-04
Im-05Im-06Im-07Im-09
Im-14Im-07Im-10
Im-12Im-11

     Ademais da exposición, os rapaces e rapazas de 1º de ESO prepararon unha exposición de marcapáxinas feitos coas figuras de Castelao, Rosalía, Curros Enríquez e María Victoria Moreno, a quen se adica este ano o Día das letras galegas.
     Alba Lorenzo, a nosa profesora de lingua castelá, preparou ademais un concurso literario para completar a exposición: máis dun deuse de croques para saber a que escritor pertencían os textos da proba...

Concurso

DÍA DA CIENCIA NA RÚA, ANO 2018

Ciencia na Rúa-Cartel     A Asociación de amigos da Casa das Ciencias da Coruña celebra este sábado no Parque de Santa Margarita, como todos os anos, o Día da Ciencia na Rúa, no que participa o noso centro xunto a outros moitos da nosa cidade. A iniciativa, que vai xa pola súa XXIII edición (cidade científica a nosa!) tenta levar o saber científico á cidadanía nunha xornada lúdica na que os rapaces, os sacrificados "profes" de ciencias e as familias colaboran amosando e explicando ao público os experimentos e as prácticas científicas que nenos e nenas levan preparando nas aulas todo o curso.

     Este ano, o IES Plurilingüe Elviña colabora cunha manchea de primeiras figuras da ciencia procedentes dos cursos de 1º de ESO. Haberá que velos rebulindo na carpa do insti para explicarlle á concurrencia (que será moita e moi entendida) o que son as curvas de Jordan pechadas (non, seguro que non falarán de baloncesto...),  as propiedades da cicloide isócrona e braquistócrona (premio a quen o diga dez veces sen errar!) e as marabillas ocultas da maxia matemática (pois baixo os números de maxia ocúltase sempre a maxia dos números).
     Moitas máis sorpresas agardarán nese sábado científico para seren desveladas polos nosos Eulers e Newtons e as nosas Curies.
     En fin, para abrir boca, aquí tedes o enlace co libro informativo da xornada e o vídeo de Carlos, coa rapazada de Elviña traballando e desfrutando da ciencia (que diso se trata!).


     Por certo, noraboa ao profesorado participante, dos Departamentos de mates e de ciencias, polo seu traballo!

Vémonos no parque!

CERTAME DE CLUBES DE LECTURA ESCOLARES (CENTRO ÁGORA)

AZAHARA, campioa no Concurso de microrrelatos do Grupo DADO

     O pasado martes 17 de abril celebrouse no Centro Ágora o encontro anual do Grupo Dado (Asociación de clubes de lectura dos centros de ensino coruñeses). No mesmo acto, unha celebración destinada principalmente aos rapaces e rapazas dos institutos que adican tempo fóra do seu horario lectivo á literatura e ás actividades dos clubes, fíxose reconto tamén do traballo dos coordinadores e das actividades levadas a cabo polos diferentes clubes. Ao longo do acto, actuaron os seleccionados nos distintos concursos convocados pola Asociación. O IES Plurilingüe Elviña pode presumir de contar con dous seleccionados finalistas na categoría de microrrelatos: Samuel Rey Morón (2º ESO A) co título "Un mar sen fondo" e Azahara Merlo (3º ESO A) co traballo "Cos ollos pechados". Azahara, ademais, resultou gañadora do Primeiro premio na súa categoría de idade. O seu traballo pode lerse xa na páxina do Club de lectura do noso centro Elvilendo. Noraboa á gañadora e, por suposto, a todos os participantes.

Club-01club-02

3º ESO NUN ROTEIRO POR SANTIAGO DE COMPOSTELA

XORNADA ROSALIANA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Daguerrotipo de Rosalía de Castro con 18 anosPadrón. 15 de xullo de 1885. Rosalía de Castro agoniza rodeada polos seus. Alejandra, a súa filla, a carón do leito, terma da man da poeta, que delira, a mente xa no limiar doutras terras. Pronuncia as súas derradeiras, misteriosas, fermosas palabras: "abride a fiestra, que quero ver o mar".

     O día 20 de marzo pasado Patricia Varela e Alfonso Salgado, os nosos estupendos profesores do Departamento de galego, levaron ao alumnado de 3º de ESO a Padrón e a Santiago de Compostela, terras rosalianas, dentro das actividades didácticas coas que se lembra a figura literaria da grande poeta romántica galega.
     En Padrón, os rapaces visitaron a casa-museo da autora, esa onde Rosalía deu o seu último alento caendo no mar infindo da morte. Despois, a visita do alumnado rematou na capital galega cunha serie de actividades lúdicas e didácticas destinadas a traballar diversos aspectos da vida e da obra da autora. Foi unha xornada para aprender desfrutando!
     Patricia e Alfonso, sempre ao pé da poesía!

LOGOSantiago-02Santiago-03
Santiago-07Santiago-06Santiago-05


Outros detrás, n'a eternidá caendo

cal cai o grau n'a moedora pedra,
sin que o porvir velado ôs mortais ollos
rompa as pesadas brétemas.
Que triste é a noite i-o relox que triste,
s'inquieto o corpo i-a conciencia velan!
                                                                Follas novas (1880)

XI encontro IES Elviña-IES Agra de Leborís (A Laracha) CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños)

O alumnado de 4º ESO A participou no XI Encontro IES Elviña-IES Agra de Leborís (A Laracha) e CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños) de promoción da lingua galega 0 17 de abril.

Na xornada formamos os grupos e visitamos a vila de Caión e o seu museo do mar que está situado na cofradía de pescadores. Posteriormente comimos no merendeiro da praia e iniciamos a ruta de sendeirismo ata a lagoa de Baldaio.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut