Skip to Content

Extraescolares

ENTROIDO!

Claro está que o IES Elviña tamén celebra o Entroido. Non hai peliqueiros nin cigarróns no instituto, of course, iso vai por outras latitudes, pero si que pasou connosco a xornada algún choqueiro de toda a vida e moitos que, sexa por preguiza ou por gañas de durmir, trouxeron posto o pixama. Pero os reis da festa (e as raíñas, que tamén as houbo) foron os profes do grupo de zumba dirixidos por un tal Alfonso Salgado, que botou man do seu apelido para darlle graza ao bailongo no segundo lecer a ritmo de reggaeton. Se cadra isto non é Tenerife, Cádiz ou mesmo Laza, pero, mandatruco!, non lle faltou a festa ao noso centro. Testemuño sexa o vídeo de Carlos.

Programa IDIOMAS DO MUNDO 2018. CONCELLO DA CORUÑA

O concello da Coruña abre o prazo para a inscrición de alumnado no Programa Idiomas do Mundo 2018

Idiomas do mundo     O programa municipal Idiomas do Mundo 2018 é unha actividade de inmersión lingüística nun dos catro principais idiomas do mundo (inglés, francés, alemán e portugués). Ofrece ao alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato dos centros de ensino secundario da cidade un conxunto de 71 bolsas para estadías veraniegas de 4 semanas de duración en catro cidades europeas. O obxectivo do programa é mellorar a competencia nalgunha das linguas europeas máis faladas no mundo e poder acreditar de xeito oficial o nivel acadado consonte o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL); ademáis de participar nunha acción intercultural aumentando a conciencia e comprensión doutras culturas e países e a educación dos participantes no respecto á diversidade e á igualdade, ao tempo que lles permita avanzar o seu desenvolvemento persoal.
     O prazo para a presentación da documentación comeza o 5 de marzo e remata o día 28.
     Para arranxar calquera dúbida relacionada con este programa, os representantes de educación do Concello farán unha reunión para as familias e persoas interesadas o luns 12 de marzo ás 19:00 horas no Centro Cívico Municipal dos Mallos.

    A convocatoria e as bases do programa, así como os formularios de inscrición pódense consultar na web do Servizo de educación do Concello da Coruña. O próximo luns 5 de amarzo habilitaráse a ficha de inscrición en liña. Clicando na imaxe de cabeceira acceden a un resume da convocatoria.

VIAXE Á NEVE. O ALUMNADO DO IES ELVIÑA EN JACA

000O IES Elviña de semana branca en Jaca (2018)

    A práctica do esquí é non só unha actividade deportiva de altísima esixencia física e coordinación senon tamén unha amable diversión para o tempo de lecer. Xa sabemos que o estudo, actividade intelectual, esgota tamén o seu. Por iso, está ben que, polo menos unha vez ao ano, que tampouco hai que esaxerar, o alumnado dispoña dunha semana lectiva para pasalo ben e olvidar un pouco os tristes sinsabores da vida académica.

001
002
As humildes habitacións do hotel

     Non estrañará que, con estas, o alumnado de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato fixese, por iniciativa do Departamento de Educación Física, unha viaxe ao Pirineo aragonés para a práctica do esquí entre o 4 e o 11 de febreiro. Os rapaces e rapazas do noso instituto pasaron nesas datas unha divertida semana en Jaca en compaña de Paula Iglesia e Francisco Pérez, ousados deportistas e benqueridos compañeiros de fatigas, cos que nenos e nenas desfrutaron baixando as costas nevadas da empinada montaña, compartindo cómodo hotel e mesa de comida, e acudindo con gozosa premura á enfermería para tratar as abondosas torceduras de nocello, as lesións cervicais e os afociñamentos varios.

003005006
007 010
Na neve ben abrigadiños, en compaña dos profes de educación física


     Por fortuna, a cousa non foi a máis e todo o mundo tornou sano e salvo (uns máis ca outros, claro). Pero, iso si, todos ben dispostos para continuar, entusiastas, co estudo e o traballo, que xa vai devalando a segunda avaliación e os parciais veñen de camiño...

Distribuir contido


by Dr. Radut