Skip to Content

Escolares

OBRADOIROS DE ENXEÑERÍA EN 3º E 4º ESO

A FACULTADE DE ENXEÑERÍA DA UDC NO IES ELVIÑA

     Alumnado do mestrado da Facultade de Enxeñería de Camiños da Universidade da Coruña pasou no mes de maio polo noso centro para impartir unha serie de interesantísimos obradoiros técnicos aos rapaces e rapazas de académicas de 3º e 4º de ESO do noso centro por iniciativa do Departamento de matemáticas

1279


     Ademais dos aspectos teóricos da enxeñería, os monitores trouxeron varios experimentos destinados a explicar ao alumnado as aplicacións prácticas dos coñecementos matemáticos e científicos que traballan diariamente no currículo das materias de matemáticas e física.


123
457

Exitosa iniciativa do Departamento de mates!
Ogallá se repita! 

adorno

CELEBRANDO O DÍA DO DEPORTE

29 DE MAIO: CELEBRACIÓN DEPORTIVA NO IES ELVIÑA

     O venres 29 de maio foi, ademais de caluroso, deportivo. Non era para menos: celebrábamos o noso particular e anual Día do deporte. Deixando a un lado os dous ou tres que zafamos (que o Departamento de Educación Física nos perdoe), alí baixou todo o profesorado e o alumnado do centro para facer as probas que, con máis boa que maquiavélica intención, deseñaron e dirixiron os rapaces de 1º de Bacharelato para o resto dos grupos do centro. No pandemonium ou guirigay multitudinario que se formou no xardín e no patio, os uns choutaban, os outros equilibraban coma podían, outros facían volatíns, outros camiñaban polo fío do banco... pero iso sí, co común compromiso da colaboración, porque, en palabras da organización o importante non era gañar, senon "cooperar".

010210
220531
272930


     Carreiras de carretas humanas, voar polas colchonetas sen tocar o chan, facer equilibrios coa testa coma as vellas leiteiras (e que ben o facían naquel tempo da Maricastaña!), atravesar os ríos sen auga e sen ponte (de colchoneta en colchoneta... e tiro porque me peta), e, para rematar a xogada, a grande, a eximia, a gloriosa e tradicional competición de BRILÉ entre o alumnado e o profesorado. Tiña este último a espiña cravada despois da vergoñenta, da humillante derrota do pasado ano, no que só Alba Lorenzo mantivo o tipo coma unha leona ante os embates inclementes do equipo rival, que a bombardeou con gañas. Este ano foron outras as tornas. Salvado pola campana, o equipo da rapazada fuxiu polas guedellas dunha derrota ignominiosa... En fin, que todo o mundo "pasouno teta".
 

Álbum: Actividades -> Día do deporte 2019

A AULA MÓBIL DE REPSOL NO IES ELVIÑA E NO CEIP ALBORADA

Os pasados 29 e 30 de abril o autobús científico da Fundación Repsol estivo no noso aparcadoiro á disposición do alumnado do CEIP Alborada e do IES Elviña. A Aula Móbil REPSOL está dotada de interesantes actividades interactivas de carácter científico. O alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO pasou unha hora investigando coa axuda dos monitores da Fundación. Unhas cantas fotiños para rememorar esta actividade:

010203
040506

SEMANA DO LIBRO (II): QUEN É QUEN NO IES ELVIÑA

CONCURSO DE CARAS NO INSTITUTO

Taboleiro de quen é quen

     Ademais da escape room do día 23, desde a Biblioteca propúxose e levouse a bo fin unha actividade desas que fan gracia: un concurso de "quen é quen no IES Elviña?". Unha vintena de profes e profas e máis algún membro ben coñecido do persoal non docente rebuscaron entre as súas fotos de pequechos e trouxeron unha imaxe da súa tenra infancia. A actividade tiña o seu aquel de literatura, pois a principal pista para recoñecer aos retratados era unha lembranza literaria... Aí tivestes en todos os recreos da semana ao alumnado (e ao profesorado) do insti escachando coa risa na tentativa de recoñecer nos trazos do pasado as enrugas do presente...

quien1quen2quen3

     Seica os rapaces sentían curiosidade...

SEMANA DO LIBRO (I) 2019

"Escape Room" na Biblioteca do Elviña

C2    Xa sabiamos que pechar xente polos sitios é divertido e ademais está de moda. Pois nada, se o di a moda, que é unha señora que sabe moi ben o que di, que iamos facer nós, homes e mulleres deste malfadado século XXI decadente e sen imaxinación? Pois facer una escape room (para sermos máis chic temos que pronuncialo "esqueip rum", pero con u longo, ou sexa "ruum", coma fai un motor aceso). E como, cando se trata de estar á última, en Elviña somos os que máis, decidimos pechar ao alumnado de 3º de ESO na Biblioteca o día do libro (parece lóxico: día do libro, Biblioteca...). Porén, paradoxicamente a intringulis do asunto estaba en escapar dela... Que ninguén nolo tome mal, de todo canto se pode facer nunha biblioteca, unha escape (lembrade, léese esqueip) évos cousa ben inocente. A fin de contas, o mesmo Cervantes chimpoulle lume á biblioteca do seu andante cabaleiro. Nós aínda non chegamos a tanto...

01030405


    Pero sexamos serios, que este é o segundo parágrafo (1). Do que se trataba neste caso é de achar as combinacións dos catro broncíneos cadeados que pechaban as solemnes portas da Biblioteca. Catro probas, a cal máis retorcida, levaban ao alumnado ás desexadas combinacións a través da lectura e consulta de libros, da resolución de acertixos, da pericia matemática, da orientación espacial (nisto axudaron as meigas pequenas, ou sexa, as
brúxulas), da habilidade para resolver puzzles ou para decodificar criptogramas... De todo se fixo para que o paso dos rapaces e rapazas pola Biblio do noso centro fose entretido. Conseguiuse? Dígano as imaxes, que valen máis que mil palabras (pero só cando están mal escritas, non como estas, que fiz as máis apostas que puiden achar (2)). O demais será silencio.

06070910
12131415


(1) Os amables lectores saberán desculpar ao redactor desta reseña: a lectura estragoulle o siso, como lle pasou a Don Quijote e a Raskolnikov. Por outra banda, a tarde anterior estivo a ler a Larra e non pode dubidarse que se lle pegou algo o estilo do ilustre autor (espérase que non o temperamento). Se alguén cre que pode confiar en que volte á razón, cousa é de esperar que se acade co tempo ou coa penitencia (como lles pasou aos dous personaxes mencionados), ata entón, toca entoar aquilo do canto terceiro do Dante: lasciate ogni speranza... 

(2) Xa para rematar: hai que agradecer á historia da literatura universal todos os préstamos intertextuais (i.e. citas, quotations, furtos) que andan espallados por esta reseña. Grazas lle sexan dadas a Juan Manuel, a Dante, a Cervantes, a Dostoievski, a Larra, a Darío, a Homero, ao bardo de Avon e aos restantes non mencionados. Xuramos que os plaxios, se os hai, non son conscientes (¡Ni gato ni perro de aquella color!). Ou, confirmando as verbas de Azorín sobre a broma de d'Annunzio, "lo que no es tra(d)ición es (pl)agio". Ou foi Baroja? Non quero acordarme...

Distribuir contido


by Dr. Radut