Skip to Content

CELEBRANDO O DÍA DO DEPORTE

29 DE MAIO: CELEBRACIÓN DEPORTIVA NO IES ELVIÑA

     O venres 29 de maio foi, ademais de caluroso, deportivo. Non era para menos: celebrábamos o noso particular e anual Día do deporte. Deixando a un lado os dous ou tres que zafamos (que o Departamento de Educación Física nos perdoe), alí baixou todo o profesorado e o alumnado do centro para facer as probas que, con máis boa que maquiavélica intención, deseñaron e dirixiron os rapaces de 1º de Bacharelato para o resto dos grupos do centro. No pandemonium ou guirigay multitudinario que se formou no xardín e no patio, os uns choutaban, os outros equilibraban coma podían, outros facían volatíns, outros camiñaban polo fío do banco... pero iso sí, co común compromiso da colaboración, porque, en palabras da organización o importante non era gañar, senon "cooperar".

010210
220531
272930


     Carreiras de carretas humanas, voar polas colchonetas sen tocar o chan, facer equilibrios coa testa coma as vellas leiteiras (e que ben o facían naquel tempo da Maricastaña!), atravesar os ríos sen auga e sen ponte (de colchoneta en colchoneta... e tiro porque me peta), e, para rematar a xogada, a grande, a eximia, a gloriosa e tradicional competición de BRILÉ entre o alumnado e o profesorado. Tiña este último a espiña cravada despois da vergoñenta, da humillante derrota do pasado ano, no que só Alba Lorenzo mantivo o tipo coma unha leona ante os embates inclementes do equipo rival, que a bombardeou con gañas. Este ano foron outras as tornas. Salvado pola campana, o equipo da rapazada fuxiu polas guedellas dunha derrota ignominiosa... En fin, que todo o mundo "pasouno teta".
 

Álbum: Actividades -> Día do deporte 2019


album | by Dr. Radut