Skip to Content

Atraso na entrega e cambio de chaves de taquillas:

Prezadas familias:

Queremos anunciarvos que, aínda que informaramos a finais de xuño de que iamos comezar a entregar chaves de taquillas nesta semana, isto non foi posible por causas alleas á nosa vontade e que explicamos a continuación.

Como sabedes, solicitamos das familias socias que fixeran o trámite de solicitude de taquilla antes de comezo de setembro para, desta forma, poder dispor dos datos a comezo de curso e organizar todo o proceso. A pesar desta petición, a día 26 de setembro o proceso de solicitude de taquillas atópase na seguinte situación:

- Hai feitas 152 peticións de taquillas. 50 desas peticións foron entregadas no mes setembro (fóra do prazo establecido), polo que as contas e cálculos feitos a principio de mes non serviron para nada.

- 65 estudantes (que continúan no centro) non entregaron a chave da taquilla que usaban o ano pasado nin fixeron o trámite de solicitude deste ano. Isto supón case un terzo das persoas usuarias de taquillas. Obviamente precisamos saber cantas destas van quedar libres para poder ofrecer ás persoas solicitantes, e para coñecer o número de taquillas (cando menos aproximado) que precisamos en cada lugar.

- Estamos en proceso de cambiar a pechadura de 28 taquillas de persoas que abandonaron o centro sen devolver a chave da taquilla.

- Só devolveron a chave 20 persoas que non van usar a taquilla este ano ou abandonaron o centro.

Obsérvase, xa que logo, unha maioritaria irresponsabilidade que se traduce en que máis do 60% do alumnado non devolve a chave da taquilla cando abandona o centro ou deixa de usala.

Antes de proceder á entrega de taquilla é preciso calcular o número de taquillas que debemos colocar cerca da cada unha das aulas, o cal require que o centro nos informe da aula en que terá clase cada unha da persoas que solicitan taquilla, proceso que xa temos completado. Aínda así, o feito de que un terzo de usuarios de usuarios de taquillas non informaran de se van usala este ano (nin devolveron chave nin solicitaron taquilla) impídenos poder ter datos aproximados de cantas taquillas se precisan en cada lugar (e mesmo se precisamos adquirir máis taquillas), co cal non podemos continuar co proceso con seguridade.

Por este motivo, rogamos ás persoas que usaron taquilla o ano pasado e non devolveron a chave que:

a) Se queren seguir usando a taquilla este ano, realicen inmediatamente o trámite de facerse socia da anpa e solicitar taquilla, tal como se explica na web do centro (sección Familias-Anpa).

b) Se non queren facer uso da taquilla, devolvan a chave, meténdoa nun sobre (co nome e número de taquilla por fóra) e depositándoa no buzón da anpa que está enfronte da conserxaría.

En todo caso, a partir do día 5 de outubro procederemos a cambiar a pechadura das taquillas que non foron reservadas para este ano e que así poidan ser usadas polas persoas que as solicitaron, para así poder completar o proceso de entrega de chaves. O material que estea dentro da taquilla será gardado ata que sexa solicitado pola persoa propietaria.

É importante que todos entendamos que a anpa non ten infinitas taquillas (só unha cantidade algo superior ás que habitualmente se solicitan) e que, para que novas persoas poidan usalas, é preciso que as que deixan de usalas nolo digan e entreguen a chave. Apelamos á responsabilidade de todas as familias para que se poida ofrecer un servizo axeitado, o cal é imposible nas circunstancias actuais.

Para nós resulta frustrante dedicar horas e horas a manter o servizo de taquillas, cando vemos que unha grande cantidade de familias nin se molestan en dedicar 10 minutos a facer o trámite de solicitude de taquilla ou, non seu defecto, a devolver a chave.

A isto hai que engadir que nos resulta moi incómodo e inxusto estar recibindo queixas (en moitos casos con mensaxes moi maleducadas e fóra de lugar) por non levar a cabo a entrega de chaves con máis rapidez, cando isto é causado pola irresponsabilidade dunha elevada cantidade de familias que actúan de forma insolidaria.

Obviamente, na asemblea que se celebrará antes de finais de decembro, trataremos esta problemática e valoraremos a posibilidade de deixar de ofrecer o servizo de taquillas, debido á imposibilidade de ofrecer un bo servizo a causa do aumento de falta de colaboración e de responsabilidade.



blog | by Dr. Radut