Actividades complementarias e extraescolares
Festival Fin de Curso 2024
11/06/2024
Xa temos unha lista de reprodución en YouTube coas actuacións do noso último Festival Fin de Curso. Queda pendente publicar o fantástico vídeo de despedida que dirixiu e editou o noso querido alumnado de 4º de ESO, pero vanse facer algunhas modificacións durante os últimos días do curso. Moitas grazas a toda a xente que participou no desenvolvemento do festival!
4º de ESO nun novo pleno escolar do Concello de Narón
21/03/2024
O pasado luns, o noso alumnado de 4º de ESO matriculado en Oratoria, participou nun novo pleno escolar organizado polo Concello de Narón. No pleno, presidido pola alcaldesa e a concelleira de Ensino, participaron outros centros de Narón e se fixeron diversas propostas para dinamizar a xuventude do Concello.
Engadimos un enlace ao artigo sobre a actividade que se publicou hoxe en La Voz de Galicia.
Entroido 2024
19/02/2024
Aínda que este ano non houbo queima do meco debido ao mal tempo, o venres de Entroido non deixou de haber festa no Feal. En Infantil e Primaria, a temática dos disfraces era olímpica, pero na ESO era libre. Na imaxe, destacamos a un fantástico samurai (Hugo Vérez Pérez, de 2º de ESO C) que fixo todo en casa con material reciclado, pero podedes ver máis fotos no álbum Entroido 2024 da nosa Galería.
Achegamos tamén o texto do testamento do meco e un pequeno vídeo no que o le un grupo de 4º de ESO.
Primeira patrulla de limpeza deste curso
05/02/2024
Durante o primeiro trimestre, decidírase establecer un calendario de limpeza do noso patio no que participase tanto o noso alumnado coma o noso profesorado, organizándose en patrullas por titorías. Esta tarde de luns abriu o fogo a Patrulla Cristina: 3º de ESO A. Xa vedes a cantidade de lixo que recolleron nunha soa clase. A colaboración do grupo foi total. Un millón de grazas a todo 3º de ESO A e á súa titora (Cris). Parabéns!! Esperemos que a partir deste exemplo haxa unha pandemia explosiva de patrullas de limpeza.
De todas maneiras, sabedes de sobra que hai unha solución bastante máis sinxela: non tirar nada fóra das papeleiras. Pasa un pouco como co cambio climático: estanse desenvolvendo tecnoloxías complicadísimas para recoller CO2 da atmosfera, incluso con Intelixencia Artificial, cando o primeiro é deixar de botar CO2 a atmosfera (queimando combustibles, bosques, mecos ou o que sexa).
Entroido no Feal
2/01/2024
Como todos os anos no colexio, celebraremos o Entroido por todo o alto.
Todos os días ata o venres 9, día da celebración, faremos os mandatos do Meco para ir ambientando o colexio.
O venres 9, aquelas familias do alumnado de 1º a 6º de primaria que voluntariamente queirades, podedes mandar postres típicos de Entroido, para a festa que faremos co alumnado.
Ese mesmo día sobre as 13:00 horas teremos a tradicional queima do Meco, a que estades invitadas todas as familias.
O 25N 2023 no Feal
26/11/2023
Achegamos unha presentación feita en 4º de Primaria sobre as actividades feitas no Feal con motivo do pasado 25N.
Festival Fin de Curso 2023
29/06/2023
Tras catro anos e unha pandemia, o noso centro volveu ao Pazo da Cultura de Narón para celebrar o seu Festival Fin de Curso. Moitas grazas a toda a xente que participou dalgún xeito (tanto do Feal como do Pazo), e deixamos en YouTube unha lista de reprodución coas actuacións de 2023. Boas vacacións!
O noso Pequecoro "Son do Feal"
08/06/2023
Durante este curso, o cole estivo inmerso nun programa de Educación Responsable promovido pola Fundación Botín e a Consellería de Educación.
Dentro dese plan e baixo a sección do Coro das Emocións, formamos o Pequecoro Son do Feal, co cal ensaiamos durante o 2° e 3° trimestre, e fixemos unha gran actuación o 19 de maio en honra das Letras Galegas, contando coas familias e outros cursos do cole como espectadores. Aquí vos deixamos o vídeo da actuación esperando que vos guste.
Rutas literarias polo Museo Provincial de Lugo
08/05/2023
O alumnado de 3º da ESO participou o pasado 26 de abril na actividade Rutas Literarias, que organiza o Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo.
Despois de ler a obra "Contos de fantasmas no museo" visitaron estas instalacións onde, seguindo o fío dos relatos lidos, foron coñecendo, sen apenas decatarse, este espazo emblemático da cidade.
Nesta mesma xornada tamén fixeron un percorrido polo entorno monumental da cidade.
Esta iniciativa estivo organizada polo Departamento de Lingua Galega e o Departamento de Xeografía e Historia.
Saída a Santiago de 6º de Primaria
07/03/2023
O pasado 3 de maio, o noso alumnado de 6º de Primaria fixo unha visita ao parlamento galego, acompañado de Matilde, Belén e Eugenio. Alí, os nenos e nenas puideron sentirse un pouco parlamentari@s e ademais coñeceron a arte co que está decorado o edificio. Na despedida, o alumnado recibiu un cómic de agasallo sobre o funcionamento do parlamento, e o profesorado outro libro sobre a súa arte.
Na xornada houbo tempo para visitar a catedral e o casco vello, e o xantar tivo lugar no xardín das pedras que falan, xunto á catedral.
Deixamos unha selección de fotos da saída no álbum "Santiago 2023" da nosa Galería.
Enderezos electrónicos
- Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
- ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
- Coordinación da web: web.feal@gmail.com