Saltar navegación.
Inicio

Francés

París 2024: odisea na capital gala

París 2024Preme para ver máis fotos

09/04/2024

Un grupo de 26 alumnos de francés de 4º ESO e tres profesoras do centro partiron de Viaxe Cultural a París do 31 de marzo ao 4 de abril.

Nada facía presaxiar que un virus gastrointestinal apuntaríase tamén a viaxar con nós!!. Dez alumnos e dúas profesoras víronse afectados complicándonos bastante a situación e tendo que recorrer ao uso da máscara e ao illamento dos afectados para non contaxiar ao resto do grupo. Tivemos que reorganizar o noso itinerario, pero pouco a pouco a cousa mellorou e todo o grupo puido viaxar o derradeiro día a Disneyland París, o broche final e máxico da viaxe, que conseguiu facernos esquecer as dificultades pasadas.

Vimos menos cousas das previstas pero aprendemos a  afrontar situacións complicadas, o que é un importante aprendizaxe de vida. Dende a distancia lembrarémolo con risas e o que é indubidable é que esta viaxe quedará para sempre no recordo. Agradecementos para os alumnos pola súa colaboración nesta “aventura inesperada” :Vous êtes MAGNIFIQUES!!.

Deixámosvos algunhas imaxes no álbum "París 2024" da nosa galería. Ademais, a nosa alumna Berta Caneiro Albes enviounos unha divertida montaxe en vídeo que xa está no noso canal de YouTube. É posible que máis adiante subamos un vídeo adicional con gravacións horizontais, para que se vexa mellor en televisores u ordenadores.

Programa PIALE de inmersión lingüística en Burdeos

Paula Cernadas en BurdeosPreme para ampliar

03/03/2024

O pasado mes de novembro a nosa compañeira Paula do Dpto. de Francés viaxou á cidade de Burdeos, como beneficiaria do programa de inmersión PIALE da Consellería de Educación. Alí xunto con outros vinte docentes de toda Galicia, somerxeuse durante un mes na vida bordelesa e acudiu a diario a un instituto, para observar e comparar as semellanzas e diferenzas do sistema educativo, da organización dos centros e das metodoloxías empregadas no país galo. Se queres saber máis sobre a súa estadía, pincha aquí.

E ti, compañeiro/a, se queres participar este ano nesta formación, tes ata o 19 de marzo para inscribirte: www.edu.xunta.gal/portal/es/node/42466. Este programa lévase a cabo en Francia, mais tamén noutros países como Portugal, Alemaña, Reino Unido e Canadá. Non deixes pasar a oportunidade!

Les Trois Mousquetaires

Les Trois MousquetairesPreme para ampliar

26/02/2024

A semana pasada, o alumnado de Francés de 3° de ESO, acompañado das profesoras Paula e Montse, achegouse ata o Colexio Cristo Rey de Ferrol para desfrutar dun clásico do escritor Alexandre Dumas, "Les Trois Mousquetaires", adaptado ao teatro pola compañía BHM Producciones.

Non esquezamos o seu lema:
Un pour tous et tous pour un! ⚔️

Celebrando Sainte Cathérine

Sainte Cathérine 2023Preme para ver máis fotos

04/12/2023

O pasado venres, 24 de novembro o Departamento de Francés organizou a segunda edición do concurso de sombreiros en honor da celebración francesa de Sainte Cathérine.

Nesta festividade, que ten xa mais de cen anos, as catherinettes, mozas de 25 anos solteiras que traballaban nos glamurosos talleres de alta costura de París, tomaban o día libre e saían a divertirse ataviadas con vistosos tocados e sombreiros nos que predominaban as cores asociadas á santa: o verde (da esperanza) e o amarelo (da alegría).

Hoxe en día é a festividade dos modistas e costureiros e se celebra un importante concurso de sombreiros ao que concorren as máis importantes marcas de alta costura e as escolas de deseño.

As gañadoras deste ano, na nosa fealeira Sainte Cathérine foron:

  • Primeiro premio: Gema Díaz (4ºB) e Saray Dopico (4º de ESO C)
  • Segundo premio: Sofía Martínez e Lucía Soto (2º de ESO C)
  • Terceiro premio: Carla Hermida e Aroa Montero (2º de ESO B)

Merci beaucoup à tous/toutes pour votre créativité et votre participation!

Souvenirs desde París

LouvrePreme para ver máis fotos

28/03/2023

Os mandos do noso destacamento galaico en terras galas envíannos algunhas imaxes para ilustrar os seus avances. Desde o cuartel xeral do Feal, desexamos moita sorte ás nosas tropas.

Teatro en francés para 3º e 4º de ESO

Le Tour du Monde de Nelly Bly

27/02/2023

O alumnado de Francés de 3º e 4º de ESO asistiu o pasado xoves á representación da obra “Le Tour du Monde de Nelly Bly”, onde coñeceu a historia desta xornalista americana de finais do século XIX, que emulando o periplo de Phileas Fogg, personaxe da obra de Julio Verne, deu a volta ao mundo en tan só 72 días: todo un exemplo de coraxe e loita para moitas mulleres, nunha sociedade na que carecían de oportunidades.

Le Tour du Monde de Nelly Bly

A Sainte Catherine no Feal

Sombreiros franceses 2021Preme para ver máis fotos

01/12/2021

O pasado xoves, 25 de novembro, a entrada do Feal vestiuse de orixinais sombreiros confeccionados polo alumnado de Francés para participar no concurso organizado polo departamento en honor á celebración francesa de Sainte Catherine.

Nesta festa, que se vén celebrando no país veciño dende hai mais de cen anos, as mozas de 25 anos solteiras, (as catherinettes), que traballaban nos talleres de alta costura de Paris, tomaban o día libre e saían de troula con vistosos tocados e sombreiros nos que predominaban as cores asociadas á santa: o verde (cor da esperanza) e o amarelo (cor da alegría).

Actualmente, este día é a festa dos modistas e costureiros e hai un importante concurso de sombreiros no que participan as máis importantes marcas de alta costura e as escolas de deseño.

No Feal tamén temos talento e creatividade dabondo e os gañadores desta edición foron:

  • Primeiro premio: Daniel Santos Lago (1º A)
  • Segundo premio: Gema Díaz González (2º B)
  • Terceiro premio: Sabela Álvarez, Noa Picos e Sara Vázquez (1º A)

Merci beaucoup à tous/toutes pour votre participation !!

Quasimodo

Quasimodo 2020

23/01/2020

O alumnado de Francés de 3º e 4º de ESO asistiu hoxe (no colexio Santa Xoana de Lestonnac), á adaptación en francés da obra “Notre Dame de Paris”, de Víctor Hugo.

Da man dos actores da compañía BHM Producións, viaxamos ata o París do século XV para rememorar a desgraciada historia de Quasimodo e Esmeralda, que quedou para sempre ligada á famosa catedral parisina.

Grazas un ano máis a BHM por achegarnos á literatura francesa dun xeito divertido. Vémonos o próximo curso!

Sacré Molière

24/01/2019

O alumnado matriculado en Francés de 3º de ESO, asistiu esta mañá (en Afundación Ferrol) á representación da obra "Le petit malade imaginaire", dentro da campaña de teatro escolar da compañía BHM producións.

Os actores Ángel e Nico, e a actriz Hélène, puxeron en escea unha excelente adaptación da obra do gran dramaturgo francés, acadando unha gran conexión e complicidade co auditorio durante toda a representación.

O mellor do espectáculo foi que os rapaces tamén foron partícipes del. De feito, o noso alumno Yerai Rilo transformouse nun improvisado doutor durante algún minutos, e temos que dicir que mantivo moi ben o tipo, si señor, quen sabe se ten unha vea dramática oculta...

Un ano máis, bravo por ese teatro en francés. Nunca faltamos á cita e sempre saímos satisfeitos, así que, como din os franceses, "chapeau".

Achegándonos a Burdeos

Burdeos 2018Fai clic para ampliar a foto

10/05/2018

A entrada do noso cole cobra estes días un tinte internacional, coa exposición que prepararon as profesoras de Educación Secundaria Mar González e Montse Lorenzo, para achegar ao resto da comunidade educativa a súa experiencia Erasmus en Burdeos o pasado mes de marzo.

O alumnado de Francés de 4º de ESO traballou buscando información sobre distintos aspectos da cidade (historia, visitas de interés, gastronomía, etc). O de 1º de ESO animouse tamén utilizando o tema para traballar a redacción nas clases de Lingua Castelá. Botádelle unha ollada e aprenderedes un montón de cousas sobre esta "belle ville" do Sur de Francia!

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido