Saltar navegación.
Inicio
Narón (A Coruña)

Instalacións

Pequeno susto no Feal

Bombeiros no Feal

31/01/2019

Esta mañá tivemos que evacuar o noso centro como medida de precaución, despois de ver fume saíndo da caldeira de calefacción.

Tras moi poucos minutos, chegaron os bombeiros de Narón, pero hai que aclarar que só se trataba dunha mala combustión (producida por residuos), e que xa está resolta a avaría sen que houbese ningún tipo de explosión ou complicación.

Todo o alumnado, o profesorado e o persoal non docente quedou concentrado no pavillón de Secundaria durante aproximadamente unha hora, sen maiores incidencias.

Comezan as reformas no edificio do CPI do Feal

Obras de mellora enerxética

19/07/2018

As obras de mellora da nosa eficiencia enerxética que anunciáramos a finais de 2017 xa están en marcha. Finalmente, a Xunta investirá 800.000 € nesta actuación.

Aprobado un proxecto para mellorar o edificio principal do CPI do Feal

Víctor, Ovidio e Marián

15/12/2017

Como recolle o Diario de Ferrol do 15/12/2017, onte recibimos a visita do delegado territorial da Xunta (Ovidio Rodeiro), o xefe territorial de Educación (Indalecio Cabana) e alcaldesa de Narón (Marián Ferreiro). Nesta visita, confirmouse unha importante reforma exterior do edificio principal do noso centro (tellados, paredes, ventás, canalizacións...). O principal obxectivo desta reforma é a mellora da nosa eficiencia enerxética, e está previsto que se realice ao longo de 2018. O CPI do Feal é un dos nove centros galegos seleccionados para esta quenda.

Sen noticias de Orange

Sen parabólica

26/10/2017

A comezos deste curso, comunicamos a inminente subida da nosa velocidade de Internet (que levabamos moitos anos reclamando), provocando certo entusiasmo.

Traballadores da empresa adxudicataria da obra (Orange) -e doutra subcontratada- chegaron a visitar o noso centro, coa intención de mellorar a nosa conexión mediante unha antena parabólica (apuntando a outra terrestre).

Desgraciadamente, agora temos que comunicar que levamos varias semanas sen noticias deles, e sen que a Consellería de Educación nos poña en contacto; aínda que oficialmente teñen ata fin de ano para rematar a obra.

De momento, quédanos este triste mastro sen parabólica nin bandeira. Admítense suxestións para sacarlle partido.

Renovación nas aulas de informática

Estreamos aula de Informática

Fai clic para ampliar a foto

20/10/2016

Este curso, O Feal perdeu unha das súas aulas de informática (debido ao crecente número de aulas normais en Primaria), pero modernizou notablemente as dúas que de momento resisten.

A da segunda planta tiña os equipos máis vellos (de principios de século), e durante o mes de xullo montamos alí os máis novos (enviados pouco antes pola Xunta). A decisión que tomamos de ampliar o software que traían, fixo que necesitásemos superar numerosas dificultades durante os meses seguintes. Foron literalmente centos de horas de traballo e cabreo tecnolóxico para chegar por fin á “inauguración” desta mañá.

Ademais do persoal do noso centro, colaborou (con gran xenerosidade e acerto) persoal da empresa ferrolá Artemisa (un millón de grazas, Javi e Iván!!), e incluso axudou o alumnado de 4º de ESO que vedes na foto (matriculado na materia de TIC).

Pregamos a tod@s @s usuari@s das renovadas aulas de informática, que agora axudedes a mantelas como o primeiro día. Tod@s sairemos gañando.

E non podemos rematar este artigo sen mencionar a alguén do Feal que se mantén imperturbable desde principios de século: a nosa fascinante... Velocidade de Internet!! Sentímolo, non podemos facer nada por ela... non depende de nós. Se alguén de vós ten enchufe na Xunta... é o último recurso que nos queda (esta mañá mediamos entre medio e dous megas nos nosos máis modernos equipos).

O patio cuberto xa está cuberto

Pepe Gotera e Otilio - Chapuzas a domicilio

Chapuzas a domicilio

 

21/11/2013

Ante a inquedanza suscitada a semana pasada pola presenza dun pequeno guindastre-elevador no centro, dende a Dirección queremos comunicar que, simplemente, se tratou da realización de tarefas de mantemento para rematar de xeito funcional a obra de cobertura do patio (realizada durante o verán), xa que se producían filtracións dos canlóns no interior deste espazo. Ademais, resolvéronse os problemas de goteiras no ximnasio de secundaria, todo isto grazas ao compromiso acadado o día 6 de novembro tras a celebración do Consello Escolar Municipal coa Concelleira de Ensino e o Concelleiro de Servizos do Concello de Narón.

Por outra banda, informamos de que a Dirección do centro presentou un escrito no rexistro do Concello, con data 20 de setembro, no que solicitaba, entre outras cousas, a sinalización da zona de autobuses, reparación do firme, e establecemento dun paso de peóns. Esta solicitude conta xa co visto bo do Concello, e estamos agardando a que se leve adiante o traballo.

Visita sorpresa

Salto estratosférico

24/10/2012

Papá Noel non defraudou. Xa temos ordenadores novos nas seguintes aulas do Feal:

  • Infantil de 3, 4 e 5 anos
  • 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria

Son os primeiros ordenadores do Feal sen disco duro. En lugar do tradicional disco magnético xiratorio, xa teñen unhas memorias sen mecanismos (moito máis rápidas e similares ás USB) chamadas SSD.

O Feal a vista de paxaro

Ángel Carrera, 28/05/2010

Como agasallo polo terceiro aniversario desta web, fixen un pequeno vídeo musical con cinco fotos que recibín recentemente de Dolores. Por razóns de seguridade, non podemos desvelar o nome do fotógrafo (GRAZAS AMIGO!!). Esperamos conseguir imaxes similares unha vez rematadas as obras do comedor. No vídeo, pódese apreciar o colorista legado da nosa directora en todo o seu esplendor. Tamén é posible gozar deste legado a través das imaxes fixas do álbum "Instalacións exteriores" da nosa Galería.

O comedor segue subindo

Obras do comedor

19/10/2009

As obras do comedor seguen a bo ritmo. O alumnado de 3º B de ESO, aproveitando as súas boas vistas, está facendo un seguimento especial e seguramente ofrecerannos un traballo sobre o tema cando remate todo.

As obras do comedor xa están en marcha

As obras do comedor
Fai clic para ampliar a imaxe

02/10/2009

Parece que o asunto do comedor do Feal vai en serio. Dende esta web, faremos un seguimento das obras para asegurarnos de que todo vai ben.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.es
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido