Saltar navegación.
Inicio
Narón (A Coruña)

Tecnoloxía

Os efectos encadeados de 2º de ESO

07/06/2020

Deixamos aquí un resumo doutra das actividades que fixo o alumnado de Tecnoloxía de 2º de ESO en casa durante o peche do centro. Trátase de máquinas de efectos encadeados, nas que tiña que haber polo menos cinco activacións automáticas diferentes e tres retardos intermedios, para pasar dos quince segundos. Algúns dos vídeos quedaron fóra do resumo, a petición dos autores/as ou debido á baixa resolución. Un millón de grazas a toda a xente que participou neste novo reto!

As bombillas caseiras de 2º de ESO

07/05/2020

O noso alumnado de Tecnoloxía de 2º de ESO, non está participando en  ningunha desas campañas tan modernas que usan hashtag, pero quere presentarvos un pequeno traballo caseiro que fixo durante estes días que non pisamos o taller do Feal.

Son bombillas feitas en casa con fío de grafito (minas de lapis). As comerciais duran máis, porque ademais de que o fío é doutro material (como tungsteno), non teñen oxíxeno arredor. De todas maneiras, sorprende o brillo dalgunhas delas (sobre todo cando se usa unha batería en lugar de pilas).

Tivemos que descartar varios  vídeos por diversas razóns: orientación vertical, baixa resolución... Ademais, recortamos varios dos escollidos para que a montaxe non fose demasiado repetitiva.

A última das aportacións é diferente: un semáforo que fixo Nora con Arduino, porque non tiña en casa o material necesario para a bombilla (un problema que tivo bastante máis xente, claro).

Moitísimas grazas a todo o alumnado que participou neste pequeno reto caseiro e voluntario (contade con outro proximamente!).

YouTube bloquea algúns dos nosos vídeos


24/04/2020

Despois de varios anos sen problemas no noso canal de YouTube, Google ten agora bloqueados polo menos os seguintes vídeos: a Despedida da Promoción 2016, a Despedida da Promoción 2015 e O espello secreto, a causa dos dereitos de autor das cancións (de Coldplay nos dous primeiros casos e de Roy Orbison no terceiro). Deixaremos os arquivos orixinais destas gravacións en Google Drive temporalmente por se alguén desexa descargalos. Non é posible subilos aos servidores da Consellería de Educación sen baixar a calidade da imaxe (hai un límite no tamaño de arquivo). Lamentamos esta actitude das editoriais musicais, tendo en conta que non facemos ningún negocio cos nosos vídeos.

Agasallos de 2º de ESO para Infantil de 4 anos

2º de ESO en Infantil 4 anosPreme para ampliar a foto

20/02/2020

Algunhas destas alumnas de 2º de ESO xa pasaran pola aula de Infantil de 4 anos coa profe Vanesa, cando tiñan esa idade. Agora, depois de elaborar xoguetes de madeira na materia de Tecnoloxía, volveron por alí para deixar o seu traballo como agasallo.

Alba, Catuxa e Uxía fixeron un espectacular aparcadoiro onde non falta detalle, mentres que Andrea, Claudia e Yaiza fixeron un bonito xogo de pesca. O resto de 2º de ESO aínda segue traballando nos seus proxectos, e se hai máis que queden así de ben, tamén poderían chegar a Infantil. Grazas chicas!!

2º de ESO en Infantil 4 anosPreme para ampliar a foto

Xa temos compostador

Compostador 2019Preme para ver máis fotos

05/12/2019

Durante esta semana, un grupo de alumnos de 4º de ESO estivo construíndo un compostador no taller de Tecnoloxía, reciclando palés vellos. Este é o primeiro paso dunha iniciativa do departamento de Bioloxía, para máis adiante facer compost cos restos do noso comedor. Para esta tarefa, contamos coa axuda dun representante da Asociación EuroEume: Ángel Lorenzo. Moitas grazas a Martín, Anxo, Brais, Yerai e Ricardo polo traballo no taller, e tamén a Hely e Iago, que axudaron no transporte (ata as proximidades do noso abandonado invernadoiro).

Visita ao CIS de Ferrol

CIS 2019Fai clic para ampliar a foto

17/11/2019

O noso alumnado de 4º de ESO visitou o pasado venres o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (de Ferrol). Alí había unha charla sobre os avances actuais da Tecnoloxía, para tratar de espertar vocacións nese campo entre as novas xeracións. A charla foi introducida polo Conselleiro de Economía.

Na foto inferior podedes ver ao poñente do CIS utilizando as ondas cerebrais de Hugo Graña para un pequeno experimento de concentración.

CIS 2019Fai clic para ampliar a foto

Apagha iso!!

25/09/2019

Nada, non hai quentamento global que valga: no Feal seguimos tirando enerxía eléctrica ao lixo como se fósemos certo alcalde en Nadal. Cantas veces se falará de ecoloxía nas nosas aulas!... pero hai poucos practicantes (non importa a idade).

Así que retomamos a campaña que protagonizara un grupo de 4º de ESO con TIC a finais de 2018 (Desirée, Diego, Gabriel, Marco, Adrián, Alba, Hely e Gustavo).

Por ecoloxía, por economía, por mantemento, por seguridade... deixa todo apagado.

Excursión de 2º de ESO pola Ría de Vigo - 2019

01/07/2019

O pasado 20 de xuño, o alumnado de 2º de ESO pasou o día pola Ría de Vigo (cos profes Ángel, Montse e Pilar Casal). Este foi o plan:

  • Ruta en barco pola Ría con paradas para coñecer diversas técnicas de exploración submarina
  • Visita guiada pola Illa de San Simón (e San Antón)
  • Descanso no centro de Vigo
  • Visita á fortaleza do Monte do Castro

Ademais do pequeno vídeo que subimos a YouTube en 4K, tamén hai un álbum chamado "Vigo 2019" na nosa Galería (con menor resolución).

A barrena

Barrena

14/03/2019

A barrena é unha ferramenta pensada para atravesar madeira, facendo xiros coidadosos coa man. No noso taller, usámolas principalmente como guía, comezando un orificio onde irá despois un parafuso.

Ás veces, hai barrenas que desaparecen accidentalmente do taller, e reciben usos alternativos.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido