Saltar navegación.
Inicio

Tecnoloxía

O Faro do Feal

Faro do Feal

09/12/2015

Como moit@s saberedes, o calendario 2016 do Feal está dedicado aos faros galegos. Por esta razón, fíxose a proposta de construír un faro de máis de dous metros de altura ao alumnado de 4º de ESO B con Tecnoloxía. Finalmente, para poder rematar o exterior dentro do prazo fixado, botou unha man máis xente de todos os niveis da ESO e de 6º de Primaria. Hoxe, por fin, puidemos instalalo na rotonda de Infantil e Primaria, e quedamos contentos co resultado, tendo en conta o tempo e os recursos cos que contabamos. Moitísimas grazas a toda a xente que axudou a construír o Faro do Feal!!

Faro do Feal - 4º de ESO 2015Fai clic para ampliar a foto

Actualización do 16/12/2015: Engadimos unha imaxe dos faros en miniatura feitos en Primaria e o mural de Galicia feito en Secundaria.

Faros 2015Fai clic para ampliar a foto

O Feal volverá a Vigo

17/11/2015

Desde a "accidentada" visita a Vigo en 2008, que recolléramos na entón novísima web do Feal, pasarán case oito anos ata a próxima, que terá lugar o 31/3/2016. A Consellería de Educación acaba de admitir a nosa solicitude para visitar a factoría de Peugot-Citroën con 4º de ESO (CPI do Feal + IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol). Tivemos moita sorte, porque só había catorce datas durante este curso para todos os centros galegos de Secundaria.

Talvez poidamos aproveitar a tarde desa xornada para facer un vídeo de despedida con estes rapaces/as, pero evidentemente, non poderá quedar tan bonito como o que serve de ilustración a este artigo, onde se utilizou o efecto diorama, e Vigo parece unha cidade de xoguete.

Para moitos dos que vaian a Vigo, será un aperitivo dunha viaxe bastante máis longa que terá lugar pouco despois, entre o 18 e o 22 de abril: a París.

As lámpadas de 3º de ESO

Lámpadas 2015Fai clic para ampliar a foto

18/06/2015

Aquí podedes ver algunha das fantásticas lámpadas que se fixeron este curso en 3º de ESO. O primeiro é que funcionen, pero ademais, tamén valoramos moito a parte artística do traballo.

Biscoito solar

Forno solar de 1º de ESO B

17/06/2015

Durante esta mañá, tivemos un biscoito facéndose dentro dun forno solar elaborado en 1º de ESO B. A construción do forno fixérase nas clases de Atención Educativa, co profesor Alberto Casal. Segundo contaban os construtores á última hora da mañá, o biscoito estaba ben rico, aínda que non tiña a consistencia que lle dá un forno normal.

As primeiras tabletas

Pizarra

22/02/2015

Recentemente, tropezámonos con esta "tableta" primitiva que se usou nunha escola da montaña leonesa nos anos da post-guerra. Alí chamábanlle "pizarrín", e ao punteiro (de pizarra, non de xiz) co que escribían: "pizarro" (que desgraciadamente non atopamos).

No seu marco de madeira xa non se pode ler a marca, pero si o seguinte texto: "Calidad superior", e non lle falta razón... veremos cantas das tabletas actuais resisten operativas dentro de setenta anos.

O mellor desta tableta é que non viña de fábrica con nada gravado, nin era posible descargar nada nela... todos os seus contidos debían ser creados pol@ usuari@.

Chourizos solares

Chourizos solaresFai clic para ver máis fotos

12/06/2014

Ademais de asar chourizos, o noso alumnado de 2º de ESO estivo experimentando esta luminosa mañá con diversos trebellos que aproveitan a enerxía solar. A actividade estaba organizada polo Concello de Narón, e segundo nos contan as profesoras acompañantes, foi un rotundo éxito. Moitas grazas a Eva Mesejo polas súas fotos!!

Enerxía solar 2014

Fai clic para ver máis fotos

Xoguetes para Infantil feitos en Secundaria

2º de ESO en Infantil

19/12/2013

O alumnado de 2º de ESO B estivo facendo diversos xoguetes de madeira durante o primeiro trimestre, no taller de Tecnoloxía. A intención era regalalos aos máis pequenos do Feal antes do Nadal, e hoxe unha representación dos artesáns fixo por fin a entrega na aula de Infantil de 3 anos. Os cativos estaban un pouco asustados con tantos maiores na súa aula, pero seguro que han de xogar moito cos agasallos.

Moitas grazas aos rapaces e rapazas de 2º B pola ilusión coa que participaron neste proxecto, e confiamos en repetir a experiencia no futuro.

2º de ESO en Infantil

As lámpadas de 3º de ESO

3º A

19/12/2013

Deixamos aquí un recordo das lámpadas que fixo o alumnado de 3º A e B durante o último trimestre de 2013.

3º B

A Coruña 2013

Vista desde a Torre de Hércules

Fai clic para ver máis fotos

29/04/2013

O pasado mércores 24 de abril, o noso alumnado de 3º e 4º de ESO pasou un intenso día en A Coruña xunto cos profes Ángel Carrera, María Anca e Montse Lorenzo. Ademais de visitar o Museo Nacional da Ciencia e a Tecnoloxía e a Torre de Hércules, os tres grupos de 4º estiveron argallando unha especial despedida do Feal que se poderá ver durante o noso próximo Festival de Fin de Curso (polo que aínda non adiantamos ningunha imaxe desta actividade). A sorte acompañounos coa meteoroloxía e puidemos gozar dunhas vistas formidables. Sen dúbida, quedaremos con moi bos recordos deste día.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido