Saltar navegación.
Inicio

Tecnoloxía

Botaduras laterais

Coñecías esta forma de botar os barcos?

A campaña de Galinux

 

Ángel Carrera, 28/01/2009

Falemos un pouco de informática galega. Tal vez vistes a recente campaña publicitaria da Xunta sobre Galinux na Televisión de Galicia. Non hai comunidade autónoma que se prece sen sistema operativo propio... non sería mellor unir esforzos para apoiar algo máis universal que consiga facer frente a Windows? Hai programas libres para aplicacións máis concretas (como OpenOffice) que están conseguindo esta unidade e xa están poñendo nerviosos aos "de pago", pero co sistema operativo non hai maneira.

Galinux non é máis que Ubuntu (ben coñecido polo noso alumnado de 4º de ESO con Informática), pero traducido ao galego. Non era necesario un novo nome. Ademais, en Galicia xa existían versións de Linux en galego moi traballadas, como Trisquel da Universidade de Vigo, ou incluso a xurdida en 2006 no IES Concepción Arenal de Ferrol (que xa utilizaba o nome Galinux aínda que non ten nada que ver co “da Xunta”). Por outra parte, os ordenadores da Consellería de Educación ao principio viñan co Linux Red Hat, logo co Linux OpenSUSE, e a partir de agora supoñemos que co “Galinux da Xunta”. Con tanto minifundio, hai que ter moito amor ao software libre para seguir defendéndoo dende as aulas, pero no Feal de momento mantemos o noso apoio.

O alumnado de 4º de ESO conta a súa experiencia co software libre

Linux contra Windows

A mascota de Linux (o pingüín Tux)
asexando á volvoreta de Microsoft

24/10/2008

Se non queres pagar nin un céntimo por un programa de ordenador, pero tampouco facer copias ilegais, nin ter problemas cos virus...  hai unha solución: o software libre. A web do Feal está feita con software libre e funciona perfectamente.

Aínda que esteas loucamente namorado/a do teu querido Windows e non sexas capaz de abandonalo, hai moitos programas libres que poden correr en Windows cun funcionamento moi similar aos que xa coñeces: OpenOffice.org en lugar de Microsoft Office, GIMP en lugar de Photoshop, Firefox en lugar de Internet Explorer...

Sen embargo, o ideal é que deas un paso máis e cortes de raíz cos multimillonarios da Informática: cambia de sistema operativo; olvídate de Windows e pásate a Linux.

O alumnado de 4º de ESO que segue a materia de Informática na aula da 2ª planta, leva dende o comezo deste curso sen saír de Linux (na versión de Ubuntu, que podes descargar ou pedir en CD sen ningún gasto) e parece que non botan de menos ao sistema operativo de Microsoft. Podes ler os seus comentarios máis abaixo.

Un instrumento sideral

21/04/2008

Aproveitando que estes días estamos falando de ondas electromagnéticas en 4º da ESO, o departamento de Tecnoloxía únese á festa musical que reina na web do Feal ultimamente e preséntavos un instrumento único que seguramente non coñecedes: o Theremin. Un instrumento que se toca sen tocar nada e que foi o primeiro sintetizador da Historia. É un oscilador con dúas antenas (unha horizontal e outra vertical), de xeito que acercando unha man á antena horizontal baixa o volume e acercando a outra man á antena vertical aumenta a frecuencia. O incrible e que haxa xente como a rusa do vídeo que tedes debaixo capaz de interpretar melodías co Theremin (no rock actual tamén está presente). A melodía que interpreta Lydia Kavina é "Claro de Lúa" ou "Luar" de Claude Debussy (pertencente á "Suite Bergamasque" para piano). Tedes máis información sobre o instrumento na Wikipedia, onde veredes que é un invento moi anterior á Wii. Se coñecedes a alguén que teña un Theremin na casa... gustaríanos facer un obradoiro!!

Posdata: despois do chamamento anterior, resulta que Víctor coñece a unha persoa que construíu un Theremin, aínda que xa o vendeu. Falaremos con el e se fora viable trataríamos de montar un no taller de Tecnoloxía.

O recuncho de Tecnoloxía ponse en órbita

Estación Espacial

10/01/2008

O departamento de Tecnoloxía pon en órbita o seu recuncho no espazo web do Feal. Comezamos sen moitas pretensións porque non andamos sobrados de tempo nin de talento, pero era a nosa obriga moral ser o departamento pioneiro na construción desta web. Pouco a pouco iremos engadindo todo tipo de historias tecnolóxicas. Esperamos aos demais departamentos e equipos por aquí arriba!

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido