Saltar navegación.
Inicio

Internet

A web do Feal cumpre 15 anos

15 anos na web do Feal

29/05/2022

Neste ano no que o CPI do Feal celebra o seu 50 aniversario, non podiamos esquecer aquí que a web do Feal cumpre 15, xustamente hoxe.

Somos conscientes de que as redes sociais son as protagonistas do mundo desde hai moitos anos, pero o CPI do Feal segue considerando que a súa web é o mellor sitio de Internet para informarse sobre o centro.

Unha vez máis, moitas grazas a toda a xente que dalgún xeito colaborou con esta pequena web nalgún momento.

A web do Feal cumpre 10 anos

10

29/05/2017

Moitas voltas deu a nosa web, o Feal e o mundo enteiro desde o 29 de maio de 2007. Para centrarnos tecnolóxica e socialmente, pensemos por exemplo que en 2007 Google presentou o sistema Android, e Apple o seu iPhone. Facebook comezou a funcionar en español.

Para ben e para mal, os móbiles "superdotados" e as redes sociais cambiaron radicalmente a nosa relación con Internet desde entón.

Sen embargo, unha web convencional e sen negocio aínda ten sentido. O que publicamos nesta é oficial, e por aquí non temos nin idea do que din do Feal nos grupos de Facebook ou WhatsApp.

Grazas a toda a xente que colaborou nesta web durante estes dez anos!

Ángel Carrera

Cambio de enderezo da nosa web

04/07/2016

Novo cambio no enderezo da web oficial do Feal (agora pasamos do dominio ".es" ao ".gal"). Desde hoxe estamos en:

www.edu.xunta.gal/centros/cpifeal

Por certo que o pasado 29 de maio non lembramos celebrar o noso xa noveno aniversario!

 

A web do Feal cumpre 8 anos

Oito anos na web

29/05/2015

Pois nada, xa chegamos aos oito e podemos comer un biscoito.

A nosa web cumpre sete anos

7

29/05/2014

Non é un número redondo, pero había tempo que non felicitabamos á nosa web no seu aniversario. Parabéns por seguir viva e coleando, e que cumpras moitos máis!

Que misto máis falso!

O misto

05/10/2012

Pouco antes de relanzar a nosa web (aproveitando a estrea do lipdub "40 Aniversario"), publicamos un singular vídeo protagonizado polos nosos alumnos (agora en 4º de ESO B) Lucía Fontal e Francisco Mourente. A minimetraxe "O misto" estivo na páxina principal da nosa web durante todo o verán, e agoran chegan... AS TOMAS FALSAS (a continuación da boa). Lucía e Fran: un millón de grazas!

Experimento audiovisual

22/10/2012

Que pasaría se collésemos as tres tomas descartadas da ruta de Secundaria (para o noso lipdub), as cociñásemos a fogo lento, e botásemos unha pinga de rock & roll?

Notas:

  • Recomendamos coma sempre subir a calidade (polo menos a 720 liñas, coa rodiña de YouTube).
  • A canción é un clásico dos anos 40 (Route 66), nunha revisión de Depeche Mode nos 80 (recociñada en 2012 no Feal para esta ocasión).

Agora tamén estamos en Vimeo

05/10/2012

Recentemente, estivemos probando a subir vídeos ao espazo web da principal competencia de YouTube: Vimeo. O único problema é que as contas gratuitas de Vimeo non permiten subir arquivos tan grandes coma YouTube, polo que tivemos que reducir o arquivo do noso lipdub á metade.

A web do Feal cumpre tres anos!!

Tres anos de web

Ángel Carrera, 28/05/2010

O sábado 29 de maio, o espazo web do Feal cumpre tres anos e resumindo eu diría que a terceira tempada foi... agridoce. O maior crecemento deuse na Aula Virtual co sistema Moodle, que xa é utilizada por un bo número de profesores/as. As páxinas informativas mantiveron a súa vitalidade e tiveron momentos de gran éxito como o seguimento en tempo real da movida irlandesa/islandesa (grazas ao material que enviaban Sonia e Alba) ou vídeos como os de Entroido. En xeral, hai que recoñecer que seguimos recibindo bastantes imaxes e comentarios aos artigos dende todos os sectores da comunidade.

Sen embargo, o número de persoas que escriben novos artigos nas páxinas informativas segue sendo moi reducido. Aínda que este curso chegou ao noso centro un bo número de profesores/as moi interesad@s nas novas tecnoloxías e moi traballadores/as neste campo, hai que admitir que non conseguimos facer tantas novas fichaxes como esperabamos. Esta tempada fichamos a Marisa para o cine, a Juan Carlos e Susana para a información de Primaria e ao principio tamén comezaron escribindo Rebeca e Alfonso sobre 1º de Primaria, pero logo centráronse no seu estupendo blog externo (encantaríame que volveran á web oficial!). Entre o alumnado houbo numerosos colaboradores/as, e aínda que unha boa parte está en 4º de ESO e polo tanto a piques de deixar o centro, tamén contamos con apoios incondicionais en 3º de ESO e en cursos máis baixos.

O vindeiro curso, eu teño previsto estar de excedencia, aínda que por suposto que seguirei pendente desta tolería dende casa. Seguirei traballando máis que nada na parte técnica; é evidente que dende a distancia non se pode tirar do verdadeiramente importante: farán falla sobre todo contadores/as de historias do Feal e dende todos os cursos, porque cada un de nós só coñece ben o que pasa na súa leira. En realidade, independentemente da miña excedencia, o que sempre pretendín foi deixar montado canto antes o engrenaxe e quitarme de en medio para que a web voara soa; despois de tres anos... creo que non conseguín transmitir ben esta idea. Así que se realmente valoras este espazo web e non queres que morra, por favor colabora con nós. Uns vellos amigos tiveron o detalle de compoñer unha canción especialmente para a ocasión e así apoiarnos no chamamento: Help!

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido