Instalacións
O Feal a vista de paxaro
Ángel Carrera, 28/05/2010
Como agasallo polo terceiro aniversario desta web, fixen un pequeno vídeo musical con cinco fotos que recibín recentemente de Dolores. Por razóns de seguridade, non podemos desvelar o nome do fotógrafo (GRAZAS AMIGO!!). Esperamos conseguir imaxes similares unha vez rematadas as obras do comedor. No vídeo, pódese apreciar o colorista legado da nosa directora en todo o seu esplendor. Tamén é posible gozar deste legado a través das imaxes fixas do álbum "Instalacións exteriores" da nosa Galería.
O comedor segue subindo
19/10/2009
As obras do comedor seguen a bo ritmo. O alumnado de 3º B de ESO, aproveitando as súas boas vistas, está facendo un seguimento especial e seguramente ofrecerannos un traballo sobre o tema cando remate todo.
As obras do comedor xa están en marcha
02/10/2009
Parece que o asunto do comedor do Feal vai en serio. Dende esta web, faremos un seguimento das obras para asegurarnos de que todo vai ben.
O grupo de 4º de Diversificación restaura o invernadoiro
21/04/2009
Non é a primeira vez que o grupo de 4º de Diversificación participa na mellora das instalacións do centro. Neste caso, podedes ver como traballan na restauración do invernadoiro, que necesitaba unha man de pintura e un novo cubrimento de plástico. Grazas rapaces!!
Educación Vial no patio cuberto
O Concello de Narón leva varios anos organizando actividades de Educación Vial para escolares a través da Policía Local. En 2008, pintouse un circuito no patio cuberto do noso centro por este motivo, e esperamos que a Policía Local veña periodicamente cos seus coches de pedais para educar ao noso alumnado. Os días 12 e 13 de febreiro, houbo actividades para os nenos e nenas que están agora entre 3º e 6º de Primaria (na foto aparecen algúns de 4º).
Encerado dixital
05/04/2008
En 2007 chegou un encerado dixital ao centro. Despois de darlle moitas voltas á sua ubicación, comezamos probando coa aula de Plástica durante dous trimestres e finalmente trasladouse á aula de Audiovisuais. Todo o profesorado do centro pode reservar hora nesta aula apuntándose no correspondente cadro da sala de profesores.
Novos ordenadores para os alumnos na Biblioteca de Secundaria
10/03/2008
Na Biblioteca de Secundaria houbo unha gran transformación durante os dous últimos cursos: renovación do catálogo, reorganización, ampliación do mobiliario...
O último paso foi a instalación de dous ordenadores para os alumnos. Neste caso, non se trata de equipos enviados pola Consellería, se non mercados cos aforros da propia Biblioteca. Tedes máis información no apartado "Novas" da Biblioteca.
O noso agradecemento a Gelu e María Anca polo seu traballo.
Estreamos rocódromo
06/03/2008
Aquí tedes a dous alumnos de 4º de ESO estreando o rocódromo do Pavillón de Secundaria, despóis de varios anos co proxecto de Víctor e Manolo Corredoira pendente. As presas que vedes na foto pódense cambiar rapidamente para modificar a dificultade do exercicio. Contamos con que Manuel Golpe decore un pouco os taboleiros e se a instalación da bo resultado poderíase ampliar máis adiante.
Esperamos que pronto saia algún escalador punteiro da canteira do Feal e chegue aos niveis de certa profesora de Secundaria.
Na Galería hai un novo álbum de Educación Física que irá crecendo, pero xa ten algunha foto adicional do rocódromo.
Por ordenadores que non sexa
05/03/2008
Despóis da recente remesa de equipos enviada pola Consellería de Educación, no Feal xa temos nada menos que 93 ordenadores, que se di pronto. Aínda que os que levamos o seu mantemento estamos amargados, supoñemos que todo isto mellorará a educación dos nosos alumnos.
Na foto podedes ver parte da aula de Informática de Primaria cos últimos equipos que chegaron (os que estaban antes no seu lugar foron repartidos polas aulas de Primaria).
Novo graffiti
03/03/2008
En novembro de 2007, Manuel Golpe e Diego Lago comezaron a recuperar o graffiti que se perdera durante o verán do mesmo ano, cando a Consellería pintou todo o exterior do centro. O traballo rematou definitivamente en febreiro de 2008. Moitas grazas aos dous por axudar a darlle vida ao Feal.
Enderezos electrónicos
- Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
- ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
- Coordinación da web: web.feal@gmail.com