Saltar navegación.
Inicio

Francés

Participación do CPI do Feal no programa Erasmus +

Burdeos 2018

08/03/2018

As profesoras de Ensino Secundario Mar González e Montse Lorenzo están esta semana na cidade francesa de Burdeos participando no programa Erasmus +.

Neste proxecto, participan diferentes centros de Primaria e Secundaria da provincia de A Coruña coa finalidade de aprender linguas estranxeiras e coñecer as ferramentas pedagóxicas empregadas noutros sistemas educativos, para enriquecer o noso labor docente.

La belle et la bête

La belle et la bête

05/03/2018

O alumnado de 3º e 4º ESO que cursa a materia de Francés, asistiu o pasado venres á representación da coñecida obra francesa La belle et la bête, no colexio Santa Xoana de Lestonnac.

A obra foi adaptada do texto orixinal do século XVIII por parte da compañía teatral La Bohème, que ofreceu un bonito espectáculo fusionando o teatro con elementos visuais e musicais.

Tralo espectáculo, os actores mantiveron un coloquio co público sobre diversos aspectos da representación.

La belle et la bête

París 2016 en fotos

29/04/2016

Publicamos un aperitivo dun minuto con fotos da recente viaxe a París de 3º e 4º de ESO. Máis adiante, publicarase unha reportaxe máis ampla con material en vídeo.

O profesorado acompañante (Montse, Nieves e Ángel) quere agradecer o fantástico comportamento d@s alumn@s durante a viaxe, e alégrase dos bos recordos que traen da experiencia.

Teatro en francés (Théâtre en français)

Teatro en francés

03/03/2016

O alumnado de Francés de 3º e 4º ESO asistiu un ano máis ao espectáculo ofrecido pola compañía La Bohème dentro da súa xira de teatro escolar. A obra representada foi Le médecin malgré lui, unha das  comedias máis divertidas do gran dramaturgo Molière.

Dende o principio, as escenas, as cancións e os diálogos mergúllannos a bo ritmo no marabilloso mundo do teatro de Molière. Contáronnos a historia de Sganarelle, un leñador que a base de paus se verá obrigado a exercer de falso médico para curar a máis vella das enfermidades... o amor!

A nosa alumna Tania Pérez (4º A) botoulle valor e subiu ao escenario para colaborar con Ángel, Élodie e Nico, os actores da compañía, que a caracterizaron nunha improvisada Lucinde que aplaudimos a rabiar. Quen sabe se asistimos ao nacemento dunha nova estrela. Nós, por se acaso, inmortalizámola nesta imaxe para a posteridade.

As fotos de París 2014 a ritmo de disparos (de cámara!)

 

10/12/2014

Tiñamos pendente a publicación dunha montaxe con algunhas fotos de París 2014. A música (dun músico francés) é tristona, pero ten a graza da percusión feita con disparos fotográficos, e quixemos aproveitar este detalle para marcar o ritmo das fotos.

Con isto, completamos a triloxía de vídeos de París 2014:

  1. Non, non, non
  2. Reportaxe en vídeo
  3. Reportaxe en fotos

Teatro en francés

25/11/2014

O pasado luns, o alumnado de 3º e 4º ESO que cursa a materia de francés puido gozar do clásico de Xulio Verne Le tour du monde en 80 jours (da compañía La Bohème). Lembramos as peripecias de Willy Fog e o seu fiel mordomo Passepartout nunha representación fresca e divertida na que os actores conseguiron un ano máis achegar o francés aos rapaces dun xeito lúdico e didáctico, ademais de brindarlles a oportunidade de preguntar no coloquio posterior todas as súas dúbidas e curiosidades en torno á obra e a súa posta en escena.

 

Móbil recuperado!!

Nerea Teijeiro Fernández

04/06/2014

A nosa viaxe a París de 2014 aínda tiña un asunto pendente sen resolver: un teléfono móbil esquecido no hotel. Despois de máis dun mes de intensas negociacións diplomáticas hispano-francesas, hoxe por fin puidemos facer entrega deste esquivo móbil á súa propietaria: Nerea Teijeiro de 4º de ESO A. Parabéns!

Máis fotos de París 2014

Fai clic para ver máis fotos

19/05/2014

Xa temos 180 fotos de París 2014 na nosa Galería. Ademais das feitas pol@s profes, agradecemos as imaxes cedidas por David Muíño, Carla Santalla e Aldara Castro.

Entre as novas de Carla, está a que vedes de Antón e Bruno brincando de felicidade na torre Eiffel; mentres que entre as de Aldara, hai un avance dunha espontánea actuación de Cristina e as profes nas rúas parisinas (temos vídeo!).

Aclaramos que @s viaxeir@s recibirán pronto os arquivos orixinais de todas estas imaxes.

Volvemos a París!!

O próximo luns 28 de abril, sairá do Feal unha nova expedición a París do alumnado con Francés de 3º e 4º de ESO (acompañados de Montse Lorenzo, María Anca e Ángel Carrera).

Para quen queira escoitar (e ver) completa a canción que utilizamos no avance: http://youtu.be/caUYiTknZjI

125 anos da torre Eiffel

Torre Eiffel

31/03/2014

Aproveitando que a torre Eiffel cumpre hoxe 125 anos, recomendamos aos rapaces que a van visitar proximamente achegarse a este monumento emblemático practicando un pouquiño o idioma.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido