Magosto

Recursos para celebrar o magosto

Neste libro recollemos aquelas actividades e recursos que nos poden ser de utilidade para a celebración do magosto no noso cole.

Photocall do magosto

Preme na imaxe para ver a galería do potocall do magosto

 

Celebración do magosto 2020

O martes 10 de novembro celebramos no noso cole a festa do magosto dun xeito distinto ao de anos anteriores debido ás esixencias que nos impón o protocolo COVID.

O alumnado de 6º volveu a agasallarnos cun contacontos sobre a historia de "A castaña que rebentou de risa" da que tivo que realizar tres pases para dar cumprimento as medidas de seguridade na sala de usos múltiples.

Unha vez rematada a representación do contacontos realizamos un photocall sobre o magosto no que participou todo o alumnado do centro.

Posteriorme, saímos ao patio a degustar unha merenda magosteira na que o protagonismo foi asumido polos boliños preñados de chourizo. Nesta ocasión as castañas foron as grandes ausentes ao faltarnos o fogueiro maior do cole.

Unha vez rematada a degustación das viandas, o alumnado de 3º, 4º e 5º de Ed. Primaria recitounos varias coplas da antoloxía poética que realizaron ao longo da semana, nas súas clases, nun obradoiro de escritura.

Como colofón á celebración desta festa, realizamos catro coreografías musicais: dúas de ritmo e dúas de baile, iso si, gardando as distancias de seguridade establecidas.

COPLAS DO MAGOSTO

COPLAS DO MAGOSTO DE 4º Ed. PRIMARIA

We Will Rock You

PANTEIRA ROSA

MAGOSTO 13 LÚAS

CHUCHUWA

Magosto 2020

 

Celebración do magosto 2018

O 8 de novembro celebramos a festa do magosto na pista polideportiva do noso centro, pois as condicións metereorolóxicas nos marcaron, como obrigatorios, os recantos a empregar.

Este ano, contamos coa presenza do alumnado do CIFP Portovelo como colaboradores especiais para animar a xornada con xogos ambientados no magosto. Pasárono xenial, tanto os nosos veciños como alumnado do noso centro.

Unha vez rematados os xogos, recuperamos forzas a base dun menú con produtos típicos desta festa: chourizos asados e preñados, empanada, lacón, bica de Trives e castañas.

Para finalizar a celebración movemos o esqueleto ao ritmo da música que lle iamos pedindo ao noso DJ.

Na seguinte galería de imaxes podedes ver o ben que o pasamos.

A castaña que rebentou de risa

Ao longo do mes de novembro a nosa castañeira fixo garda na entrada da biblioteca para repartir o conto de "A castaña que rebentou de risa" a todo o alumnado do cole. Un conto en formato minilibro para colorear co que descubrimos por que a castaña ten dúas cores.

 

Magosto 2017

O 14 de novembro celebramos, no patio do colexio, a festa do magosto como colofón a todas as actividades realizadas en torno aos froitos de outono, especialmente ás castañas.

Este ano, contamos coa presenza dos nosos veciños do CIFP Portovelo que cursan o Ciclo Superior de animación sociocultural e turística. Eles foron os encargados de animar o tempo de lecer ata que todas as viandas estiveron listas e preparadas para degustar.

O menú estivo composto por pulgas preñadas, empanada, bica e castañas asadas por un castañeiro de recoñecida sona na nosa comunidade educativa.

Ao remate do xantar, e seguindo a tradición, aproveitamos para cinsarnos a cara e as mans coa borralla da fogueira.

Pasámolo xenial!!

Exposición magosto 2017

Durante o mes de novembro realizamos, nos corredores do colexio, unha exposición temática sobre froitos do outono con traballos manuais  elaborados polo alumnado do centro coa axuda das súas familias.

Na galería de imaxes podedes observar a extraordinaria calidade dos traballos presentados. 

Exposición con castañas 2016

Ao longo do mes de novembro poderedes visitar na entrada do cole a exposición de traballos manuais realizados polo alumnado coa axuda das súas familias... cada ano o alumnado e as súas familias se esforzan máis por achegar verdadeiras obras de arte á exposición.

Moitos parabéns a todos e todas!!!

Galería de imaxes da exposición  

 

 

Magosto 2016

O xoves 10 de novembro celebramos, no patio exterior do colexio, a festa do magosto a pesar de que a choiva estivo ameazando toda a mañá, aínda que non foi quen de impedirnos prender o lume para asar as protagonistas do día: as castañas. Estas, estiveron acompañadas, no menú, duns riquísimos chourizos preñados e dunha exquisita bica que nos trouxeron os membros da directiva da ANPA do colexio.

Para rematar, movemos o esquelete ao son da música que o alumnado solicitaba ao noso DJ particular.

Galería de imaxes do magosto    


 

Distribuir contido