Skip to Content

6º Curso

Xadrez: aprender a aprender

Desde a Concellería de Educación en colaboración coa Escola Xadrez – Club Liceo Academia Postal,  presentouse no noso centro un programa de xadrez, orientando as bases para socializar aos nenos e nenas e crear  vínculos de comunicación e amizade.

Este programa ten a seguridade dun futuro para o alumnado participante, que lles axudará a desenvolverse e mellorar  o seu rendemento escolar, como a súa mellor arma pedagóxica para aprender a aprender toda a súa vida.

Está previsto que esta actividade se desenvolva de 16:00 a 18:00 dous días pola semana (martes e mércores) na biblioteca do noso centro.

Merenda de outono

O 20 de novembro, coincidindo co Día internacional da infancia, no noso centro realizamos unha merenda de convivencia con froitos de outono realizados polo alumnado e as súas familias.

Hai que mencionar o gran nivel de participación de toda a comunidade educativa que logrou que esta actividade fose todo un éxito… foi tal a aportación de viandas que teremos que continuar nos próximos días coa súa degustación.

Unha vez máis agradecemos a colaboración e implicación das familias nas actividades que desde o centro se están a desenvolver.

Bo proveito!!

 

No corazón do bosque

O 14 de novembro realizamos o primeiro concurso de animación á lectura deste curso. Nesta ocasión o libro escolleido foi No corazón do bosque de Agustín  Fernández Paz.

Raquel ten nove anos e vive na cidade. Un día vai coa súa clase de excursión ao bosque das Fragas do Eume. De regreso na casa, descobre abraiada que se lle coou na mochila un ser vello e diminuto. É Derdrín, un trasno de máis de trescentos anos, que habitaba na fraga e non quería pasar o inverno só. Dille á nena que unicamente precisa conversación e algo de comida. Raquel acepta que se converta no seu hóspede secreto e ofrécelle para durmir a caravana das barbies.

A novela é a crónica dos meses que pasan xuntos, durante os cales Derdrín exercerá unha influencia moi grande na vida da nena, tanto no ámbito familiar como na escola. Unha historia tenra e cargada de humor, que reivindica a necesidade da fantasía e, tamén, a importante función que cumpren os antigos mitos en calquera sociedade.

O equipo gañador levou como premio o libro que traballaremos ao longo do próximo mes: A balada dos unicornios de Ledicia Costas.

Exposición magosto 2019

Durante o mes de novembro pódese visitar a exposición que realizamos na entrada do colexio cos traballos feitos polo alumnado e as súas familias con produtos do outono.

Traballos premiados polo alumnado

 

Celebración do magosto 2019

O 8 de novembro celebramos no polideportivo do centro a festa do magosto.

Este ano, a mestra de educación física organizaou sete estacións de xogos populares polos que fomos pasando todos os cursos do cole.

Unha vez que rematamos os xogos, disfrutamos do menú de outono que nos serviron e prepararon os nosos profres: bolos preñados, empanada, lacón asado, bica e as protagonistas da festa, as castañas, asadas con moita paciencia polo profe Alfonso.

Para rematar, coma sempre, pintámonos todos e todas cos tizóns dos restos da fogueira.

Pasámolo xenial!!

Celebración do Samaín 2019

O 30 de outubro celebramos a Festa do Samaín no noso colexio. A maioría do alumnado e profesorado acudiu disfrazado ao centro.

O equipo de biblioteca decorou a biblioteca para que esta puxese en contacto o mundo dos vivos e dos mortos tal como nos di a lenda do Samaín. Por ela desfilaron todas aquelas persoas que o desexaron, algunhas pasárono tan ben que se animaron a repetir esta experiencia.

O alumnado de sexto de Ed. Primaria foi o encargado de darlle ambiente a este espazo de de conexión co máis alá que ten lugar na noite de Samaín.

Previamente, toda a comunidade educativa participou nun flash movie, coa interpretación da canción Monster Mash, para unir as festas do Samaín e do Halloween.

 

Bitácora. Un caderno musical

O alumnado de 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria asistiu ao Auditorio Municipal para presenciar o concerto de música electrónica: “Bitácora. Un concerto musical”.

Un submarino perdido na inmensidade do océano precisa reiniciar todos os seus sistemas de navegación para poder volver ao seu fogar. Para conseguilo, a tripulación deberá seguir as instrucións de Bitácora, un caderno musical. O espectáculo permitiu ao alumnado coñecer a música electrónica interpretada por instrumentos coma o ewi, o octapad ou o theremin.

O obxectivo principal desta actividade foi darlles a coñecer a música electrónica e algúns dos instrumentos cos que se pode interpretar, así como axudarlles a comprender e valorar elementos significativos da música electrónica facendo que gocen das experiencias e creacións artísticas e contribuíndo, así, ao seu enriquecemento persoal

Exposición de cabazas 2019

Coma xa ben sendo tradición, nos últimos cursos, volvemos a realizar unha exposición de calacús para celebrar a Festa do Samaín.

A maioría do alumnado trouxo os traballos que realizaron na súa casa coa axuda da súa familia para expolo nos corredores da entrada do colexio.

Parabéns para todos e todas as participantes pola calidade dos seus traballos.

Traballos destacados polo alumnado
 
       

A Bela e a Besta

O 22 de outubro, o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria presenciou no Auditorio provincial o espectáculo musical A Bela e a Besta, completamente en galego, que representaron de forma maxistral  os alumnos e alumnas do IES Taboada Chivite de Verín, e que previamente prepararon ao longo de dous anos.

"A Bela e a Besta" é unha adaptación en  imaxe real do clásico de Disney "A Bela e a Besta", que  conta a historia de  Bela,  unha moza brillante e enérxica, que soña con aventuras e un mundo que se estende  máis aló dous  confíns do seu  pobo en Francia.

Día da biblioteca 2019

O 24 de outubro celebramos no noso cole o Día das bibliotecas escolares. Como en anos anteriores, aproveitamos esta data para presentar o PDI deste curso á comunidade educativa. Este curso académico o título escollido é "Incrible? Non!... está nas túas mans" co que pretendemos fomentar e favorecer a igualdade e a diversidade desde todo o traballo realizado desde a Biblioteca.

Cada grupo encargouse de presentar o que van a traballar nas súas aulas ao longo deste ano en relación á temática proposta. (Os vídeos das actuacións serán colgados na próxima semana).

  • Alumnado de Ed. Infantil. Traballarán a coeducación e a igualdade de xénero a través do conto "Rosa caramelo" no cal a elefanta Margarita reivindica a igualdade de xénero para os nenos e nenas.
  • Alumnado de 1º de Ed. Primaria. Empregarán o conto de "Todo o mundo" para traballar a igualdade, xa que aínda que todos somos diferentes no noso interior podemos afirmar que todos somos iguais.
  • Alumnado de 2º de Ed. primaria. "Mercedes quere ser bombeira" é un conto para nenos e nenas que deben ler os adultos. Ensinaremos e aprenderemos a ser homes e a ser mulleres, a ser iguais e a ser diferentes á vez que transmitimos e configuramos as nosas filias e as nosas fobias. A igualdade entre os xéneros non é só unha postura ética e cívica, senón unha imperiosa necesidade nas nosas vidas e as nosas sociedades, é unha esixencia humana.
  • Alumnado de 3º e 4º de Ed. primaria. Presentaron a súa aportación ao PDI do centro que versará sobre as distintas profesións facendo fincapé nos estereotipos de xénero que a sociedade ten sobre as mesmas.
  • Alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria. Fixeron unha presentación da temática que traballarán "Cidadanía, igualdade e integración" por medio de linguaxe de signos.
  • Alumnado de Inglés. GOLDEN RULES. A participación da área de inglés no PDI do centro será a través das GOLDEN RULES. Eses comportamentos cotiás que fan que a nosa relación cos demais sexa o máis positiva e respectuosa cara aos outros. Saudar, desculparse, dar as grazas, compartir, …, Golden rules para o noso día a día. E o máis importante, … SMILE, PLEASE!

O alumnado de 4º de Ed. Primaria, tamén representou un teatriño de monicreques titulado " A cachiporra máxica" para recordarnos que a celebración do Samaín xa está "aí".

Para rematar, o alumnado de 5º de Ed. Primaria representou unha obra de teatro que eles mesmos elaboraron e titulada "A nosa biblioteca", co fin de iniciar a formación de usuarios do novo alumnado do noso centro aos que lles foi entregado o seu carné de biblioteca.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut