Carta ás familias

Estimadas familias:

Lamentamos non poder ofrecer a día de hoxe información sobre o inicio e desenvolvemento deste curso. O equipo directivo leva traballando nel dende o mes de xullo en distintas fases:

1. Xullo. Aseguróusenos que as ratios de alumnado non variaban. Con 30 rapaces por aula non viamos posible afrontar as medidas sanitarias e pedimos baixar as ratios. DENEGADO. Organizamos as aulas e horarios en función desas ratios e das vacantes de profesorado concedidas.

2. 28 de agosto. A distancia entre alumnado pasa a ser de 1,5m. Redistribuímos espazos e aulas. Sacamos armarios e colocamos mesas (conserxes e profesorado voluntario). Os alumnos/as non cabían nas aulas. Solicitamos o 3 de setembro desdobres de grupos e 10 profesores/as máis. SEN RESPOSTA POR ESCRITO.

3. O venres 11 de setembro solicítasenos unha nova organización considerando unha distancia de 1m. entre o alumnado e a instalación de mamparas. Parécenos unha solución pouco axeitada e contraditoria coas instrucións publicadas pola propia Consellería. Aínda con pantallas necesitariamos desdobres e máis profesorado.

4. Manifestamos que, de ter que instalar pantallas, farémolo por orde das autoridades educativas e non como proposta de centro e que os posibles retrasos no inicio de curso responden aos continuos cambios de criterio e indicacións dos nosos superiores, que provocaron que a 15 de setembro non teñamos ADXUDICACIÓN DE PROFESORADO, o que implica que os horarios de xullo quedan invalidados, e a organización das aulas feitas na primeira semana de setembro queda paralizada en espera da resolución definitiva.

Publicaremos máis información nesta web en canto poidamos. 

A dirección