Eduemprende - Actúa

O alumnado de Economía de primeiro de bacharelato participou o xoves 29 de novembro no programa “EDUEMPRENDE-Actúa. A actividade emprendedora como chave para o teu futuro”. Trátase dun programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado.
A xornada estivo dirixida pola consultora de empresas Fátima Rodríguez Figueiras, en representación do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Nunha primeira parte, Fátima Rodríguez explicou con exemplos os conceptos actualizados de persoa emprendedora e de empresa, así como as vantaxes do traballo por conta propia. Tamén deu a coñecer as ferramentas e axudas que o IGAPE pon a disposición dos emprendedores.
Nunha segunda parte, presentou ao emprendedor Gonzalo Camiña, da start-up do Milladoiro OpSeeker. Gonzalo compartiu a súa experiencia persoal; como xurdiu a súa idea e como está a pola en marcha.
Ao remate, levouse a cabo unha mesa redonda coa participación do alumnado.