Skip to Content

EXAMES DO TRINITY NO IES PLURILINGÜE ELVIÑA

     Entre o xoves 13 e o sábado 15 de febreiro realizáronse na nosa cidade os exames do Trinity. Para fortuna do alumnado de 4º de ESO, a condición de "plurilingüe" do noso IES Elviña conleva o privilexio para os nosos alumnos e alumnas de se poder presentar gratuitamente ás probas que homologan os seus coñecementos na lingua de Shakespeare dentro dos niveis oficiais do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Os nosos intelixentes e talentosos alumnos puideron, polo tanto, presentarse as probas para certificar o B2, o B1 e mesmo -por primeira vez- o C1 deste marco oficial.
    
O xoves e o venres presentáronse no propio centro ás probas orais, dirixidas polo examinador oficial Mr. Colin Archer. O sábado, pola súa banda, tocoulle o turno á proba escrita, que se efectuou pola mañá no IES Eusebio da Guarda. De certo que o bo traballo de Lucía, Sonia, Josefa, Sofía, Fran, Maribel e Janna dará os seus froitos, como xa fixo no ano pasado... 

TrinityTrinity1Trinity

CHARLAS NO SALÓN DE ACTOS

ALCOHÓLICOS ANÓNIMOS
    
O pasado xoves 13 de febreiro visitou o noso centro unha representación de Alcohólicos anónimos para dar unha pequena charla ao alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato sobre os perigos do consumo inmoderado de bebidas alcohólicas. O alumnado escoitou con atención o testemuño de primeira man  sobre as consecuencias nefastas deste hábito. Agardemos que lles sirva aos nosos rapaces.

Imaxe01

MULLER E CIENCIA
     Aproveitando que o día 11 de febreiro celébrase a vindicación das rapazas e das mulleres na ciencia a través do seu Día internacional, a Doutora en Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña Susana Ladra veu dar unha charla ao alumnado da ESO sobre genómica. Ao fío da súa intervención aproveitou para animar a todas as nosas alumnas a adentrarse con entusiasmo e imaxinación no mundo das ciencias puras, de certo ben necesitadas do talento feminino. Se cadra dentro dalgúns anos, sexa algunha rapaza do público a que lles dea unha charla de ciencia ao alumnado do futuro IES Elviña... Ogallá!

Susana LadraSusana LadraSusana Ladra

CAMPIÓNS DO IES ELVIÑA

Campionato infantil JudoANDERSON COTÓN:
JUDOKA CON PRESENTE

     O alumnado do IES Elviña, ben o sabemos, é canteira viva de futuro: as enxeñeiras, os médicos, os biólogos e as xeólogas, as informáticas, os deseñadores, os novelistas e as poetas de mañá ocupan hoxe os seus pupitres, participando nas actividades do centro e facendo historia na nosa pequena e humilde escala cuotidiá. Xa noutras ocasións fixamos a mirada en antigos alumnos chegados á notoriedade por moi diversas causas ou no alumnado xoven e dinámico do presente cuxos logros non son menos abraiantes e que permeten albiscar carreiras cheas de coroas xa non lonxanas. Hoxe adicamos este espazo a un dos nosos rapaces de 2º de ESO, Anderson Cotón, do que xa non se pode dicir que sexa promesa de futuro senon absoluta realidade presente de éxitos no deporte do Judo tanto a nivel nacional coma internacional.

 Traxectoria vital e profesional
de Anderson Cotón

    Anderson ten agora catorce anos marabillosos e forma parte do Judo Club de Arteixo desde os nove. Chegou a España de moi pequecho procedente de Colombia. A súa é unha historia de loita e superación, desas que gosta escoitar nos seriais e ler nos xornais, porque teñen a perfección dun guión de cinema: abandoado, criado nun centro de acollida, ata que foi adoptado por unha familia española. Desde moi cedo, atopou no judo unha vía de perfeccionamento con numerosos logros: número 1 do ránking español na súa categoría o ano pasado, campión infantil nacional en categoría -50 kg, medalla de ouro na Copa de España como cadete (- 55 kg) en Hondarribia e de novo número 1 do ránking neste ano, 9º na Copa de Europa desputada neste mesmo febreiro en Follonica (Italia).

Anderson coas medallas

      Agora é un estudante encantador e un compañeiro exemplar no grupo de 2º ESO C do IES Plurilingüe Elviña e agarda pola European Cup de Fuengirola (do 14 ao 16 de febreiro) coa mente posta en gañar peso e, cos 15 cumpridos, aspirar xa aos galardóns das categorías superiores... Na mente se cadra xa unhas olimpiadas... Co entusiasmo que amosa e coas súas condicións físicas é seguro que conseguirá chegar ben lonxe. Ben o queremos todos os que formamos parte da comunidade educativa de Elviña, que buscaremos a partires de agora nos xornais todas as competicións de judo para atopar o seu nome entre os campións.

Anderson Cotón [El diario de Arteixo]

Moita sorte, Anderson! Ben a mereces!
O IES Elviña está contigo!

O IES Elviña colabora coa USC e a SEEC

O pasado 22 de xaneiro o alumnado de Latín de 4º B impartiu un obradoiro de hixiene e perfumes na Roma Antiga na Facultade de Filoloxía de Santiago. Este obradoiro formou parte dos "Ludi Compostellani" organizados pola Universidade en colaboración coa Sociedade Española de Estudos Clásicos, sección Galicia.

Alumnas e alumnos adoptaron o papel de docentes e explicáronlle ós asistentes métodos de hixiene individual e colectiva e a elaboración de perfumes no mundo antigo a base de aceites e plantas. Fixérono estupendamente e disfrutaron a fondo da aventura. Parabéns!!!

 

TEATRO EN INGLÉS E BATALLAS RAPERAS

ACTIVIDADES NO MES DE XANEIRO

E xa estamos a rematar xaneiro... Quen o diría? Hai nada estabamos na festa de Nadal e agora enfilamos cara as Carnestolendas! Pois mentras agardamos as xornadas do disfraz falaz, da grelada e do touciño, aproveitamos para levar ao alumnado dos distintos grupos de paseo por esta nosa Coruña dos desvelos... Uns foron á Fundación María José Jove (os 2º de ESO), outros ao Ágora (3º ESO), outros aos Ludi compostellani en Santiago (4º ESO), outros irán á branca neve "jaquense" para rematar o mes (3º ESO), e etc. etc. Coma non é cousa de contalo todo, deixamos aquí reseña só de dúas saídas bonitiñas, como a Margarita do poema.



ABANCA "VAMPIRES"

A fundación social de ABANCA (Afundación, valla a redundancia) ofreceu aos centros de ensino da nosa cidade a oportunidade de asistir a unha obra de teatro didáctico en inglés no seu auditorio. A obra Class of Vampires, coma se soe dicir, fixo as delicias do público asistente, entre eles o alumnado do noso centro, e Fran, Lucía e Janna, os docentes que acompañaron aos rapaces. A loable intención da obra: traballar valores de integración e respecto. Ben está.

010205


A BATALLAS DE RAP, CAMPO DE NOTAS
 

Os concertos didácticos do Consorcio para a promoción da música son unha fermosa tradición da nosa cidade, xurdida ao abeiro da Orquestra Sinfónica de Galicia, que compre xa décadas. Dure moitos anos o seu labor en prol da cultura e da música nos moitos niveis aos que traballa. Neste curso, toucoulle turno á Batalla, non porque houbese liorta entre o alumnado por asistir, senon que así se titulaba o concerto: unha "batalla de gallos" entre Tazz Yeah e Zerpa, dúas figuras da improvisación micrófono en man. A simpar loita tivo lugar na Sala de Cámara do Palacio da Ópera, onde estiveron os nosos alumnos na boa compaña de Gemma. Yeah e Zerpa fotografáronse con eles, como amosa algunha das seguintes probas do delito, digo, do evento.

Batalla 2Batalla7Batalla 8
Distribuir contido


by Dr. Radut