Skip to Content

Blogues

O Concello volta a instalar unha carpa no IES de Valga

Debido á limitación de espazos cubertos no exterior do centro, e evitar a rotación do alumnado para poder estar ao ar libre nos recreos en días de chuvia, o Concello de Valga voltou a asumir integramente a instalación dunha carpa de 300 metros cadrados.

O director do centro, Eliseu Mera Quintas, agradece ao alcalde, José María Bello Maneiro, e á concelleira de Educación, Carmen Gómez Pardal a xenerosidade e a rapidez da cámara municipal para a contratación e a montaxe desta estrutura.

É previsto que esta estrutura só vaia ser necesaria durante uns meses, pois xa foi licitada a construción dunha cuberta no patio posterior conforme anunciaran previamente, e en visitas ao centro, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o delegado territorial, Luís López. 

O delegado territorial da Xunta visitou o IES de Valga

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou as instalacións do IES de Valga acompañado polo xefe da Unidade Técnica, José Manuel Tanoira. Ambos, xunto co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e coa concelleira de Educación, Carmen Gómez Pardal, foron conducidos polo centro polo seu director, Eliseu Mera.

O delegado informou do estado da licitación da cuberta do patio exterior -anunciada previamente polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, noutra visita ao centro- que vai contar cun investimento de douscentos vinte mil euros e vai estar rematada antes do final do ano. O director agradeceu o esforzo do goberno galego nesta obra e o apoio do Concello en todas as peticións formuladas polo centro. Lembrou que foi precisamente este ente quen financiou a colocación dunha carpa noutro patio para poder o alumnado saír ao recreo en días de chuvia, e pediu que se volte a instalar durante o primeiro trimestre, en canto a obra non estea finalizada.

O IES de Valga, seleccionado para o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach)

O IES de Valga é un dos cinco centros de ensino galegos seleccionados para se incorporar ao Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) para o bienio 2021-2023. Trátase dun programa en que o alumnado desenvolve un proxecto científico co dirixido por profesorado do centro e por un/ha profesor/a universitario/a.

O proxecto presentado polo centro recolle tres liñas de investigación: unha de saponificación, unha de farmacoloxía e outra de óptica, que van ser desenvolvidas, respectivamente, con persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), da Facultade de Farmacia e da Facultade de Física da Universidade de Santiago. Estas liñas foron deseñadas para poderen acoller unha ampla variedade de propostas dentro do ámbito científico en función dos intereses do alumnado.

O alumnado participante neste proxecto vai ter unha mención especial no expediente que lle pode abrir as portas para diversas iniciativas da área científica.

O IES de Valga amplía a súa oferta formativa cum CM Mecanizado en modalidade dual

No curso 2021-2021 poderase cursar no IES de Valga o Ciclo Medio de Mecanizado en modalidade dual. Trátase duns estudos que habilitan para profesións, entre outras, como torneiro/a, fresador/a, mandrinador/a, modelista matriceiro ou operadora/a de robots industriais. A inclusión deste ciclo débese á grande demanda de profesionais por parte das empresas da contorna.

A modalidade dual caracterízase por ter unha formación compartida entre as empresas (onde o alumno/a estaría durante as mañás) e o instituto (onde asistiría ás tardes). Polo traballo nas empresas recíbese un salario en función do número de horas do contrato. Neste primeiro ano, as firmas onde se desenvolvería esta formación serían Extrugasa, Exlabesa, Aluminios Cortizo, STAC, Gama e Hijos, Thune Eurelka, Maimbar, Soluciones Metálicas Jamardo e Mecanizados Oliveira

Pode realizar a solicitude de admisión calquera graduado/en ESO ou que teña unha titulación de rango similar ou superior a partir do día 25 de xuño.

CM Soldadura e caldeiraría

Para o próximo curso mantense a oferta de estudos para esta titulación na modalidade ordinaria, dual e de adultos. A respecto da segunda delas, ten as mesmas características que as explicadas a respecto do CM Mecanizado e conta coa colaboración das empresas Gama e Hijos, Thune EurelkaMaimbarSTACIngeniería y montajes Rías Baixas, RotogalExtrugasaExlabesa e Eiras e Iglesias. Son centos os alumnos titulados nestes estudos no IES de Valga que están a traballar en múltiples empresas do sector.

CS Construcións metálicas

Esta titulación xa leva tempo no catálogo do IES de Valga e cóntase con que o próximo curso poida ser ofertada como ciclo plurilingüe. Isto permitiría que o alumnado conte cun módulo en cada curso onde se introducen contidos en inglés e cunha formación, de carácter voluntario, de cincuenta e tres horas de Inglés técnico. A intención disto é facilitar que o alumno/a poida mellorar a súa cualificación profesional e a súa formación continua, pois boa parte das innovacións neste sector aparecen en congresos e en publicacións nesta lingua. Para o acceso a este ciclo é necesario, no mínimo, o título de bacharel. Esta titulación permite a validacións de materias en estudos de enxeñaría, nalgún caso alcanzando case un curso completo.

Pleno emprego

É importante salientar que a práctica totalidade do alumnado titulado nestes ciclos pode acceder a un contrato laboral unha vez acabada a súa formación, pois é constante a demanda de profesionais do sector por parte das empresas da comarca, que están en continuo contacto co centro demandando persoal cualificado.

Servizos mínimos perante a convocatoria de folga para 18 de xuño de 2021

Diversas organizacións sindicais comunicaron a convocatoria de folga para o día 18 de xuño de 2021, que afectará as actividades lectivas do noso centro, e que se vai desenvolver desde as 0h00 horas do día sinalado até as 24h00 do mesmo día.

Perante esta convocatoria, e en previsión de que o persoal deste centro poida acollerse ao seu dereito á folga, estabelécense uns servizos mínimos para garantirmos a atención, a vixilancia e o coidado do alumnado, xa que o centro permanecerá aberto no seu horario habitual.

As persoas designadas para o cumprimento dos servizos mínimos determinados pola Consellaría de Educación son:

- Eliseu Mera Quintas

- Modesto Fontán Ocampo

- Daniel Loureiro Varela

- Ana María Bueno Lema

- Manuel Cuervo Soto

- José Luis García Rivas

- Beatriz Lloret Ares

- María Jesús Prol Gómez

- Mª Mercedes Barreiro Potel

- Jesús López Silva

- Mª Dulce Serramo Gontán

- Mercedes Campos Loureiro

- M.ª Esther de Andrés Nieto

- Mª Teresa Sumay Lobato

- Carmen Santomé Castro

- Alba García Agrasar

- Víctor González Zúñiga

- Isabel Sanmartín Diz

- X. Francisco Godón Davila

- Antonio Mirás Miranda

- Mª Carmen Cortés Baños

- Lara García Ozores

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut