Semana cultural 2024

Do 18 ao 22 de marzo, xa rematados os exames da 2ª avaliación e coincidindo coa viaxe a Andorra do alumnado de 4ºESO, celebraremos no instituto a Semana cultural 2024, cun programa de actividades que organizan conxuntamente a vicedirección, o EDLG, a Biblioteca e os dieferentes departamentos didácticos. O luns 18 haberá unha charla do poeta madrileño Mario Obrero para o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, unha proposta que se organiza ao abeiro do programa “Encuentros literarios” do Ministerio de Cultura.

Ao longo da semana teremos diferentes saídas e roteiros: ao campo das Cercas para participar nun torneo de fútbol gaélico, ao Museo Liste en Vigo, a Marine Instruments no Porto do Molle, ao castro da Pedra Moura ou a facer un percorrido polo Vigo neoclásico e modernista. Tamén teremos no propio instituto diferentes actividades e obradoiros: “Arte con perspectiva de xénero”, co alumnado de Arte de 2ºBach; control das emocións con Duna Corredoira; ioga e mindfulness; “Cinema con perspectiva”; representación sobre os Xogos Olímpicos de París ou introdución ao tiro con arco. O venres 22, nas últimas horas da mañá, haberá un programa con once obradoiros de convivencia simultáneos, nos que algúns alumnos e alumnas ofrecerán actividades para os seus compañeiros e compañeiras.

Ademais, durante os recreos repartirase froita e leite e o alumnado poderá participar nunha ampla oferta de xogos de mesa e de xogos populares, tanto no patio central do instituto como no espazo exterior. A programación complétase cun concerto de Nada, un dos grupos de música do instituto, o mércores 20 no recreo, e cun asalto poético polas rúas de Gondomar o xoves 21 con motivo do Día da Poesía.