Plan de formación para a mellora da convivencia

Esta semana celebrouse a primeira sesión dun Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) que se vai desenvolver este ano no instituto co obxectivo de reflexionar e poñer en práctica estratexias que melloren a convivencia no centro e contribúan a avanzar na resolución pacífica de conflitos, un traballo que se reflectirá no Plan de Benestar Emocional e Convivencia do centro. O curso, no que participan catorce profesores e profesoras, desenvolverase entre os meses de decembro de 2023 e abril de 2024. 

O plan de formación do profesorado vai acompañado tamén dunha Escola de Nais e Pais (ENAPA), dirixida ás familias, que incluirá tres sesións que teñen como obxectivo reflexionar e compartir experiencias arredor dos procesos de crianza e educación dos fillos e fillas. Celebrouse xa unha primeira reunión o 13 de decembro de 2023 e teremos outras dúas no segundo e no terceiro trimestre do curso. Estas sesións organízanse a través do programa Fortaleza de Aldeas Infantiles.

Dentro deste conxunto de medidas que teñen como obxectivo mellorar o ambiente e a convivencia no instituto, inclúense tamén outras propostas como a posta en marcha este curso dunha aula de convivencia inclusiva ou a substitución do timbre tradicional por un timbre musical que marca as entradas e saídas do centro, así como os cambios de clase.