25N, berramos NON á violencia de xénero

Este sábado celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Esta semana estivemos desenvolvendo diferentes actividades destinadas a reflexionar sobre a violencia de xénero, que foron organizadas coordinadamente desde diferentes departamentos (EDLG, Club da Igualdade, Coordinación de Benestar, Lingua Galega, Relixión, titorías de 3ºESO, Vicedirección e Biblioteca). Ademais, estes días está a soar no noso timbre musical -que marca as entradas, as saídas e os cambios de clase- unha selección de música contra a violencia de xénero. O peche de todo este traballo conxunto terá lugar o luns 27 no recreo, nun acto que se celebrará na parte exterior do recinto escolar. Convidamos a profesorado e alumnado a participar, vestid@s de negro ou coa nosa camiseta do 25N e cun pano violeta ao pescozo, para berrarmos tod@s xunt@s contra calquera forma de violencia cara ás mulleres.