Semana cultural do 27 ao 31 de marzo

Do 27 ao 31 de marzo imos celebrar no instituto unha Semana cultural con actividades de distinto tipo para todos os grupos en horario lectivo. Tamén se inclúe unha proposta aberta a toda a comunidade educativa fóra do horario lectivo: será o mércores 29 ás 20:00h no salón de actos do instituto, onde poderemos asistir á representación da obra "A parábola do angazo" a cargo de Talía Teatro.

Dentro das actividades dirixidas ao alumnado, inclúense iniciativas como un obradoiro con Nee Barros, para falar da súa obra Identidade; un obradoiro de poesía con Anxo Iglesias arredor do seu libro Unha nova dimensión ou unha sesión de contos, "Historias de arrepío", coa actriz, escritora e narradora oral Paula Carballeira.

Haberá tamén excursións e saídas didácticas: ao novo parque de aventura de Vigo, a unha sesión de bolos celtas ou a un roteiro histórico-artístico por Vigo, no que se inclúe unha visita á Vila Romana de Toralla e ao MARCO. A programación inclúe tamén diferentes charlas e obradoiros sobre Picasso, sobre xestión do estrés, sobre educación emocional, sobre finanzas, sobre mindfullness e ioga, sobre orientación académica, sobre programación, etc.

Ademais, cada día haberá un reto relacionado co uso do galego, celebrarase a Semana da Froita e, durante os recreos, poderase desfrutar de obradoiros de xogos populares preparados por un grupo de alumnos e alumnas para os seus compañeiros e compañeiras e para o profesorado.

O luns 27 teremos tamén unha sesión do Club da Igualdade, na que contaremos coa presenza de Nee Barros para falar de diversidade de xénero e o venres 31, no recreo, haberá na aula de música un concerto a cargo de Los cazadores demócratas, un dos grupos residentes dos obradoiros de música do instituto.