Celebramos o Día de Rosalía 2023

Este próximo xoves 23 de febreiro o IES Auga da Laxe celebrará o Día de Rosalía 2023 cun acto que se desenvolverá de 11:30h a 12:00h, aproximadamente, na Praza Rosalía de Castro e que conta coa colaboración do Concello de Gondomar.

Abriremos a celebración coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ("Cumpriuse a xustiza", de Carme Adán), a cargo dun grupo de alumnos e alumnas de 2ºBach. A continuación farase unha lectura de poemas de Rosalía de Castro, por parte de varios rapaces e rapazas de 3ºESO, así como do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e do Concelleiro de Cultura, Juan Rodríguez Bas. Pecharase o acto coa interpretación do Pasodobre dos Albariños a cargo dos gaiteiros Pedro Alonso e Marcos Crusat, alumnos de 2ºBach.

Ademais, os alumnos e alumnas de 1ºESO repartirán entre os asistentes uns folletos que prepararon con poemas de Rosalía, nos que se inclúe tamén unha ilustración realizada expresamente para a celebración polo noso alumno de 1ºESO Samu Piñeiro. En caso de chuvia, o acto celebrarase no patio central do instituto.