Premio no concurso I-Comercio

Un grupo de catro alumnos e alumnas de Economía de 4ºESO acaba de gañar un dos premios do concurso I-Comercio: idea o teu comercio, que convoca a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia e que ten como obxectivo achegar a xente nova ao comercio local e traballar nunha idea pioneira e innovadora que contribúa ao desenvolvemento da súa contorna, baseándose en tres piares: innovación, sostibilidade e dixitalización. O proxecto gañador, que se presentou na categoría de Arte, cultura, entretemento, tecnoloxía e innovación, foi elaborado por Ilenia Caserío Carneiro, Mario Costas Domínguez, Brais González Vázquez e Lucía Mª Álvarez Sotelino, que idearon e deseñaron Blim Sports, un complexo deportivo que contaría con diferentes espazos: sala de colchonetas, sala de artes marciais, pista de patinaxe sobre xeo e rocódromo, ademais dunha tenda onde se poderían adquirir ou alugar os materiais necesarios para practicar as distintas disciplinas deportivas.

O proxecto deseñouse pensando en dotar a Gondomar dun espazo onde practicar deportes alternativos, sen necesidade de desprazarse fóra da comarca, e en animar a poboación a probar deportes diferentes. Moitos parabéns aos catro alumnos gañadores do concurso e, en xeral, a todo o alumnado de Economía de 4ºESO, que traballou por equipos en diferentes proxectos, aínda que finalmente só se puido presentar un ao concurso. O acto de entrega do premio, que consiste nunha pantalla táctil para a aula e diplomas para os gañadores, terá lugar o 16 de xaneiro de 2023 en Santiago de Compostela.